Penso, logo estorbo

Estevo Silva Piñeiro SOSPEITOSO HABITUAL

BARBANZA

16 oct 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Baixo este lema, un grupo de profesores de centros de Galicia uníronse nos últimos meses para intentar recuperar a materia de filosofía como obrigatoria en segundo de bacharelato. É posible que algún de vostedes teñan algún tipo de animadversión herdada nas aulas pola materia de filosofía, pero pensen unha cousa: Cando foi a última vez que usou na vida real un polinomio, unha raíz cadrada ou unha ecuación?

Seguramente e, salvo que traballe nun campo relacionado directamente coa matemática, moi poucas veces en toda a súa existencia, polo menos de forma práctica, e posiblemente moito menos do que usamos conceptos filosóficos sendo ou non conscientes.

Rogo á xente de ciencias que non se ofenda por este exemplo que unicamente busca a comparación das dúas grandes correntes da antigüidade e de como o establishment, neste caso en forma de Lei Wert -ministro de infausto recordo e infame presente-, intenta tirar pola borda do paquete educativo correspondente aos futuros cerebros do país.

Relegar a filosofía das aulas é avivar a chama da fogueira na que arden as humanidades, xa de seu bastante queimadas, por un sistema educativo que máis que nunca busca formar ferramentas de traballo sumisas en lugar de mentes inquedas que se cuestionen os dogmas impostos polos poderes de quenda. Calquera malpensado diría que a este executivo lle preocupa a posibilidade de que a xente se pare a pensar un instante: Quen somos, de onde vimos e sobre todo cara a onde imos?

Suspiren.