O soldado Manuel Otero recibiu honras na súa terra

j. m. sande OUTES / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Outes celebrou o aniversario do desembarco de Normandía

31 oct 2019 . Actualizado á 17:07 h.

A celebración do setenta aniversario do desembarco de Normandía tamén tivo a Outes como epicentro. O veciño do Freixo Manuel Otero foi un dos soldados das forzas aliadas que accederon ao continente para enfrontarse aos exércitos alemáns, a través da praia de Omaha. Segundo relatan os partes bélicos, faleceu pouco despois do desembarco no enfrontamento cos exércitos nazis.

Manuel Otero xa loitara na Guerra Civil de España, no bando republicano, e despois de resultar ferido na contenda, fuxiu a Estados Unidos. Alí alistouse no exército, sendo encadrado no 16 rexemento da Primeira División de Infantería, a famosa Big Red One.

Panteón familiar

O 6 de xuño de 1944, desembarcou coa súa unidade nunha praia normanda e foi dado por morto ao amencer, como consecuencia dos impactos de bala recibidos das baterías xermanas. Os seus restos foron enviados á súa localidade natal, onde foron enterrados no panteón familiar de San Xoán de Sabardes.

A Asociación de Amigos do Museo Militar da Coruña e a Asociación Histórico Cultural Royal Green Jackets, en colaboración coa Asociación Cultural Terra de Outes, renderon onte unha sentida homenaxe a Manuel Otero Martínez, ao que tamén asistiron familiares e outros veciños. Houbo unha misa no seu recordo, unha ofrenda floral ante o panteón onde foi enterrado e a lectura dunha descrición do soldado falecido, efectuada por membros de Terra de Outes.

Os actos concluíron coa visita á casa natal do primeiro soldado español falecido no desembarco das tropas aliadas en Normandía, edificación que será rehabilitada para convertela no Hotel Normandía. Gemma, a súa sobriña, sinalou que dedicará unha sala a unha exposición sobre o soldado. Exporanse recordos como a insignia ao valor que lle concedeu o exército dos Estados Unidos e o baúl no que se enviaron a Outes os seus restos mortais.