Lo sentimos, no hemos podido atender su petición.
La Voz de Galicia
Lo sentimos, no hemos podido atender su petición.

O director xeral de Industria di que o gasoduto estará listo no 2010

BARBANZA

21 ene 2009 . Actualizado á 02:00 h.

«Clarificadora». Así definiron os participantes no encontro a reunión que onte mantiveron en Boiro os alcaldes e representantes dos grupos políticos municipais de Ribeira, A Pobra, Rianxo, Boiro, Dodro e Valga co director xeral de Industria, Anxo Ramón Calvo, o delegado provincial, José Luis Barcia, e representantes da empresa que traerá o gasoduto a Barbanza, Gas Natural Transporte. O intercambio de opinións entre uns e outros serviu para aclarar o proceso que segue a tramitación da infraestrutura e os prazos para a súa execución. A primeira conclusión clara é que as canalizacións estarán listas o próximo ano.

O eixo que marcou o desenvolvemento da reunión foi a confusión xerada pola exposición pública do plan sectorial do gasoduto de Barbanza. O director xeral explicou que o obxecto fundamental do encontro era aclarar as competencias de cada Administración no desenvolvemento da infraestrutura. Así, indicou que a parte que compete á Consellería de Innovación e Industria é a relacionada co plan sectorial, que se refire á ordenación do territorio e cuxo contido é fundamentalmente urbanístico.

Barcia recalcou que a finalidade do plan sectorial é habilitar o chan para que teña a cualificación urbanística apropiada para o paso das canalizacións do gas, o que implica a modificación dos plans de ordenación dos municipios polos que pasa para adaptalos á infraestrutura. Por esta razón, recalcaron os representantes da consellería, a exposición pública do proxecto sectorial buscaba que os concello presentasen alegacións neste sentido.

Confusión

Con todo, as emendas que se fixeron chegar ao departamento autonómico estaban relacionadas coa afectación a bienes e propiedades privadas, unha cuestión que non é competencia da Xunta senón do Ministerio de Industria e Comercio e que os afectados terán oportunidade de coñecer con detalle cando saia a exposición pública o proxecto construtivo.

Resoltas as dúbidas de alcaldes e concelleiros ao redor das alegacións e a que Administración compete resolver segundo que cuestións, chegou o momento de falar dos prazos de execución do proxecto. Segundo os cálculos do director xeral, a infraestrutura debería estar rematada entre este ano e o que vén como moi tarde.

Pero antes de que chegue o gas á comarca barbancesa haberá que resolver cuestións importantes, como a posible modificación do trazado para minimizar a afectación de propiedades privadas polo paso do conduto. A empresa comprometeuse a estudar todas as alegacións que se presenten neste sentido, e incluso admitiu sopesar a posibilidade de que o gasoduto cruce a ría seguindo o trazado do viaduto de Beluso. Esta posibilidade, que parecía descartada, retomarase estudando a viabilidade de que o gas pase enterrado baixo en ponte.