A Cofradía trae a De Ninghures e Boyanka Kostova a celebrar o seu cuarto aniversario

X. Lamas VILANOVA / LA VOZ

VILANOVA DE AROUSA

MONICA IRAGO

Converten a efeméride nun festival de balde con ecos do extinto Rockin?Vila

19 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Hainos que nacen para ir a contracorrente. Precisamente no momento en que os festivais de música pegaron un boom económico e de asistencia, unha das citas máis sonadas e queridas da comarca, o Rockin'Vila, cesaba a súa actividade.

Ao mesmo tempo, algúns dos seus organizadores — Xocas García, Nolo Chazo, David Piñeiro e David Dios— decidían dar un xiro a súa actividade profesional e abrir un bar que, iso si, tivese o mesmo espírito que o seu anterior proxecto: achegar cultura e ocio a Vilanova, «apostando polo local».

A Cofradía cumpre catro anos este setembro, e como xa é costume, celebran a efeméride por todo o alto. O que comezou sendo unha serie de concertos dentro do local, toma cada vez máis forma de festival. Dous días, hoxe e o sábado, de música ao aire libre, nun espazo próximo á beira do mar, con postos de bebidas e comidas e, como novidade nesta edición, zona de acampada baixo teito, no pavillón vilanovés, pensando nos que veñen de fóra «para que poidan deixar o coche tranquiliño».

Se cadra o máis significativo, sobre todo atendendo aos nomes que enchen o cartel, é que a entrada siga sendo de balde. Vén sendo así en tódalas edicións —baixo o modelo de entrada inversa, o que significa que cadaquén pode aportar o que considere oportuno—, a pesar de que a cita non deixa de medrar.

Tomando as palabras dun dos seus organizadores, David Piñeiro, que definía como «proeza» o traballo que facían no seu momento para sacar adiante o Rockin'Vila, os aniversarios de A Cofradía van collendo carices similares: «Faise dificilmente sustentable. Animamos a xente a que colabore a través da entrada inversa. Nin isto, nin os concertos ao longo do ano son para sacar beneficio, senón para investir no local, na vila. En A Cofradía servimos birras e cafés de luns a venres para sustentar a actuación do fin de semana. O mesmo cos aniversarios. E xa botaremos contas cando acabe de se perdemos pasta ou non».

«Variado e con sentido»

A gran festa, que é no fondo o único ao que aspira a ser esta iniciativa, comeza esta tarde, a partir das seis e durará ata ben entrada a madrugada. Música a cargo de Capital Voskov, De Ninghures, Boyanka Kostova e Santorino e pinchadas entre medias de Kaiser Xosé e Little Pi, a Duendeneta e Señora DJ.

O sábado, a troula continúa dende as cinco da tarde con nomes como Ulex, Catuxa Salom, 9Louro, Kike Varela DJ ou, por suposto, Noite Fechada —Nolo volveu coller as baquetas—.

Un cartel con bandas de primeira liña e, segundo Piñeiro, «variado, pero non excesivamente ecléctico». O antigo organizador do Rockin'Vila marca distancias cos grandes festivais no que se ven artistas de moito renome, pero con pouco que ver entre si: «Esta é a nosa maneira de traballar, con cariño, afastándonos dunha industria cultural que nos festivais mira máis polos cartos que pola cultura».