Os do pan con chourizo volven montar a película en tractor para anunciar a festa de San Isidro

VILANOVA DE AROUSA
A comisión organizadora protagoniza un vídeo en redes sociais para ir quentando a cita do sábado en Caleiro
13 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A asociación do pan con chourizo volveu montar a película para anunciar a festa de San Isidro o Labrego de Caleiro (Vilanova) que se celebra o sábado 17 de maio. Desde antigo engalanábanse os carros e os tractores para acompañar ao santo. Carros xa non quedan, de xeito que a comitiva ten que ser motorizada, aínda que cada vez hai menos xente dispoñible. A comisión de festas quere dar exemplo e volveu montarse a un tractor para darlle publicidade ao asunto. Como fixeran o ano pasado co Equipo A, esta banda a cara descuberta protagoniza un vídeo no que dá caña aos que non colaboran con cartos para as festas aínda que logo leven os nenos a xogar coa espuma e aparece un capitán da Garda Civil para chamarlles á orde mentres circulan polas pistas da parroquia. As gaitas, a música de verbena e unha canción italiana poñen a banda sonora a unha desas historias que circula a toda velocidade polas redes sociais e xa suma miles de visualizacións.
O humor é un bo recurso para facerse ver, e se se acompaña coa retranca galega e unha boa posta en escena, o éxito está asegurado. «O golpe comeza en Caleiro...», vai avisando a comisión, continúa sábado desde as oito da mañá cunha salva de bombas e os pasarrúas a cargo de Xironsa, Boutedebou e O Castro. Ás 12 horas oficiarse misa cantada seguida de procesión e desfile de carros e tractores para dar paso ás dúas a entrega de premios aos tractores mellor adornados e á degustación de chourizos, pan de millo e cunca de tinto por 2 euros. Tamén haberá pulpeira, unha food-truck e a animación musical de La Mecánica. Ás 17.30 horas, Festa da Espuma, e pola noite, verbena con New York e Zona Cero.