Unhas macetas que acabarán no xulgado

Bea Costa
bea Costa VILANOVA / LA VOZ

VILANOVA DE AROUSA

MARTINA MISER

O Concello de Vilanova procedeu onte á súa retirada, a pesar de estar nun terreo privado. Veciños de San Miguel apláudeno. Os afectados recorrerán aos tribunais

12 dic 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O Concello de Vilanova cumpriu a súa ameaza. Ás once da mañá de onte o camión-guindastre e os operarios municipais estaban fronte á capela de San Roque do Monte, en San Miguel, para retirar os tres maceteros de pedra que pechaban a propiedade situada en fronte. Dúas sentenzas, en primeira e segunda instancia, confirman que estes terreos son de titularidade privada, pero iso non impediu ao Concello entrar neles e retirar as macetas. O goberno local respecta, pero non comparte as sentenzas, e, en todo caso, explica que a súa actuación non atende a cuestións relacionadas coa titularidade da parcela se non á aplicación do plan urbanístico vixente.

Os donos do terreo pediron fai un ano autorización municipal para instalar uns bolardos a modo de peche, pois, din, están cansos de que vehículos e persoas invadan a súa propiedade. Pero o Concello denegou o permiso alegando que esta obra sería ilegal porque non cumpre coas aliñacións que establece a normativa vixente e defenden que os propietarios deberían ter cedido xa estes terreos ao patrimonio público hai tempo.

Os afectados non se deron por vencidos e optaron por substituír os bolardos por tres maceteros, cuxa instalación non require obra nin permiso municipal e logran a función desexada: acoutar este espazo respecto da estrada. Foi por pouco tempo. O Concello anunciara en outubro que as retiraría e onte fíxoo, ante os aplausos dun grupo de veciños que se concentraron no lugar.

O asunto terá máis percorrido. A propiedade anuncia que van buscar amparo nos tribunais porque considera que os seus dereitos están a ser vulnerados e acusa o goberno local de actuar para asegurarse un puñado de votos.

Goberno e veciños da zona esgrimen o catastro de 1956 para argumentar que o terreo en disputa é público, pero as sentenzas do xulgado de Vilagarcía e da Audiencia de Pontevedra son claras á hora de fallar en sentido contrario.

A retirada dos maceteros fíxose con luz e taquígrafos. O Concello convocou á prensa, alí presentáronse, tamén, unha ducia de veciños indignados pola ocupación dun terreo que consideran de todos, ademais do alcalde e a concelleira de Urbanismo e veciña da parroquia, Nuria Morgade.

Ademais acudiu ao lugar a Policía Local de Vilanova, en previsión de que puidese producirse algún problema de orde pública, aínda que só tivo que intervir para pedirlle calma a unha veciña airada que se encarou contra os donos do terreo; un home e unha muller de idade que saíron da casa para intercambiar unhas palabras coa concelleira en canto viron todo o dispositivo que se montou ao pé da súa porta. Onte mesmo agardaban reunirse coa súa avogada para decidir os pasos a dar a partir de agora.