«Isto si que é unha festa!»: Vilagarcía énchese de xente e réndese á liturxia da Auga

M. SANTAMARÍA, G. B. BANDÍN, R. E. VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

A nova edición da celebración cumpriu coas expectativas e non quedou persoa sen mollar, aínda que con «sentidiño»

20 ago 2025 . Actualizado á 20:21 h.

O reloxo marcaba as once e media da mañá, pero arredor da capela de San Roque ninguén o miraba, tan só había expectación e ganas de pasalo ben. Algúns aínda non pasaran pola cama e outros acababan de espertarse, pero en canto se divisou a imaxe de San Roque todos se emocionaron por igual ao grito de «como San Roque non hai ningún».

Papeis de cores caían sobre un conxunto de persoas que o que querían era auga, mentres que dirixían a súa mirada cara o pregoeiro. O cantante e bailarín Xisco Feijoó estaba na grúa coa cantareira e percusionista tradicional Sandra Costa e xuntos conseguiron que os milleiros de persoas alí reunidas interpretaran o himno de Galiza. «Por dentro o viño e por fóra queremos auga!», así é como o pregoeiro resumía a alma da festa. Mentres, Costa puxo aos presentes a bailar cunha muiñeira e, entre aplausos e sen previo aviso, os caldeiros de auga comezaron a baixar.

Caldeiros, mangueiras, pistolas, mochilas, vasos... Calquera recipiente é útil nun día no que a cidade de Vilagarcía se converte nun campo de loita inofensivo. A Avenida das Carolinas converteuse nun formigueiro onde o sol xa daba calor, pero non era impedimento xa que os que tiñan calor fosen rapidamente arrefriados a base de caldeirazos. Na pasarela de balcóns tamén atopábase xente con bebés aos que intentaban manter ao resgardo pero que xa parecían bendicidos. Nun dos edificios da rúa San Roque destaca un home, que dende a súa fiestra decidiu aforrar en molestias e sacaba a alcachofa da ducha, un método fácil e eficaz de participar.

No medio da xente podían encontrarse as xa tradicionais camisetas dos grupos de amigos, nas que se lían mensaxes personalizadas con nomes e debuxos de todo tipo, entre eles destacando o uso do novo disco de Bad Bunny para crear frases graciosas. Hai tamén quen levou o outfit a outro nivel, producíronse avistamentos do baby shark e do mesmísimo Freddie Mercury. Unha das indumentarias que máis destacaban foron as camisetas de fútbol: equipos nacionais, internacionais e tamén de seleccións coma a de Arxentina, Colombia e Ecuador. As persoas elixían lucir e representar a diversidade cultural recordando parte das súas raíces. Algúns dos que levaban a de Arxentina, campioa do mundo, dixeron que viñan de visita e non quixeron perder a oportunidade de vivir á experiencia dende dentro; outros viven pola zona.

A praza de Galicia converteuse nun dos puntos claves. Os galóns de auga que provía o Concello fixo que locais e turistas utilicen este lugar como base para recargar as súas pistolas para atacar a todo o que se prestase. Pero mentres tanto debían coidarse as costas porque ninguén estaba a salvo. A xente que pasaba polo lado tiña a tentación de mollar aos desprevidos e aos que parecían estar menos empapados. «¡Aquí no chega!», gritaba o conxunto de xente reunida baixo un dos balcóns da praza no que, como todos os anos, unha familia enteira botaba auga mentres se dedicaba a dirixir á xente ao ritmo dun chifre, creando un dos momentos máis divertidos da festa. Moi cerquiña estaba situado un disc-jóckey que puxo a nota musical ao momento, xerando un entorno perfecto para que a xente se deixara levar pola melodía. E, no centro, os rapaces máis pequenos podían xogar sen problemas.

A rúa Baldosa logrou manter un ambiente festivo ata a tarde. Enchida de persoas que xa optaban por lucir o taxe de baño, a lista de reprodución era para todo tipo de públicos, contaba con éxitos de techno, cuarteto, bachata entre outros. Na praza Martín Gómez Abal, a festa seguía activa dende o día anterior. A música e as bebidas compartían o protagonismo co lixo que se acumulaba dende o venres. As botellas de refrescos, vasos e latas no chan complicaban o percorrido da xente que tamén tentaba evitar os cristais das cervexas que romperon nalgún momento da velada. Ás catro da tarde as máquinas e o persoal encargado de manter a limpeza das rúas, comezaban a presentarse nas menos concorridas.

A verdade é que onte triunfou o sentimento de comunidade. «Isto si que é unha festa» aseguraba unha das asistentes. O clamor popular unificábase, auga e máis auga para un día coa temperatura perfecta para que o home fixera o traballo da nai natureza. Sen embargo, a cara b da xornada foron os comentarios da situación de Ourense, o choque coa realidade rexurdía a culpabilidade. «É difícil festexar cando ves o que acontece noutras cidades».