Andrea Dorado (Fontecarmoa) e Roi Cabañas gañan o open do Masterchess C.C. Arousa

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

29 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O Masterchess Centro Comercial Arousa reuniu na xornada do sábado a preto de 200 xadrecistas ao longo das instalacións do grande espazo de Vilagarcía de Arousa. Ao termo das sete roldas fixadas nas bases de competición, a xogadora local Andrea Dorado, do Club Xadrez Fontecarmoa, rematou campioa feminina do cadro open, aberto a deportistas a partir dos quince anos. Roi Cabañas, do Xadrez Mos, foi o campión masculino, con Adrián Betanzos como mellor clasificado do C.X. Fontecarmoa, no cuarto posto final.

Sen deixar o cadro open, o tamén xadrecista do club vilagarcián Ricardo Oubiña rematou como o mellor competidor da franxa dos sub-16 inscritos na cita, mentres que o padronés Antonio Susavila o fixo en veteranos.

A quinta proba do Circuíto Galego de Xadrez de Promoción quedou deserta de podios do Fontecarmoa. O cadro de honra copárono Martín Pereira, do Arteixo, vencedor na categoría sub-8, Mateo Rey, do Lucena de Vigo, gañador da sub-10, Javier Lema, da Escola Xadrez Pontevedra, mellor clasificado tras sete roldas no cadro sub-12, e Iván Martínez, do Lucena de Vigo, campión da categoría sub-14.

A undécima edición do Masterchess Centro Comercial Arousa volveu repartir unha chea de agasallos doados polos establecementos do centro entre os xadrecistas participantes, coa bicicleta e a tableta como principais obxectos de desexo.