O Arousa acosa sen derriba a un Boiro que converte en empate o seu gol temperán (1-1)
VILAGARCÍA DE AROUSA
Pedrosa adiantou aos visitantes no minuto 2 e Compa igualou de penalti no 51
04 ene 2025 . Actualizado á 21:09 h.O Arousa escalou este sábado á segunda praza da clasificación tras completar o seu partido aprazado da duodécima xornada de Liga, pero non como quixera. Os de Míchel Alonso tiveron que conformarse cun empate a 1 cun CD Boiro que xogou a non arriscar o máis mínimo e que se limitou a defenderse cal gato bandullo arriba tras o descanso para sacar petróleo do temperán tanto de Dani Pedrosa, igualado, de penalti, por Compa no 51.
Míchel Alonso apostou por unha inédita liña de tres centrais e dúas carrileros para suplir as baixas dos seus dous laterais esquerdos, Luis Castro e Mario García, copiando o debuxo de fábrica do Boiro. E a cousa non puido empezar peor para os intereses do Arousa. No segundo saque de esquina encadeado no minuto 2, Yago prolongou o esférico de cabeza, conectando o coiro coa testa de Dani Pedrosa, quen como Perico pola súa casa, entrou ata a cociña sen acompañante na perpendicular do segundo pau para achandar a portería dun vendido Álex Vila.
E a desfeita podía ser peor. Só dous minutos despois, un roubo do Boiro en tres cuartos de campo local deu paso a un mal despexe do gardameta arlequinado, habilitando a Prol. O mediocentro visitante non tivo sorte con todo no seu intento de pescar en río revolto cun disparo mal dirixido entre a maraña de defensas desordenados que tiña ante si ao bordo da área grande.
Cunha intensa choiva facendo acto de presenza desde o minuto 10, o Arousa apenas lograba pisar o último cuarto de campo rival. En cambio, o Boiro mostraba unha notable verticalidade en canto recuperaba a pelota as veces que os continuos e veloces cambios de posesión caían do seu lado.
Vinte minutos necesitaron os de Míchel Alonso para empezar a ameazar os dominios de Borja Rey. Sobre todo, con transicións rápidas buscando o pé do home-gol vilagarcián, Compa, sen éxito. E no minuto 24 Carlos Torrado protagonizou a mellor ocasión local da primeira parte. Tras recibir no costado dereito da área grande e recortar ao seu par, puxo a proba os reflexos de Borja Rey, que cunha grande intervención evitou o empate enviando a córner. O propio Carlos Torrado serviu un centro cirúrxico á área moza, de novo en busca de Compa, pero este non chegou por centímetros e na prolongación da xogada Romay cabeceaba alto.
O último cuarto de hora da primeira parte deu paso a varias escaramuzas. A balón parado, como a execución de falta no balcón da área de Dani Pedrosa tras ser agarrado por Dani Sánchez, que marchou por pouco. En senllos centros con cabezazos de Rivera, pegado ao traveseiro, e Compa. E nunha xogada que serviu de espello da figura dunha defensa vilagarciá presa da inseguridade, nunha secuencia que pareceu eterna á afección vilagarciá, que vía como ningún defensor lograba atallar unha pelota tola no corazón dos dominios de Álex Vila. Álex Rey, Sylla e polo menos outro compañeiro máis rozaron coa punteira un remate chamado a acabar en gol coa portería baleira no intento do seu cérbero de atallar o perigo, como así acabo facendo.
O adestrador do Arousa non agardou máis para intentar apontoar o seu feble defensa, e tras o descanso deixou sentado a Dani Sánchez relevándoo polo experimentado Pacheco. Só catro minutos despois, Míchel Alonso víase obrigado a suplir a Carlos Torrado, lesionado con aparencia de gravidade nunha carreira por banda. O xuvenil Pedro Bouzada ocupou a parcela esquerda da medular mentres Martín Diz asumía o rol de carrilero dereito.
Practicamente ao completar o cambio, Nieto derrubaba a Compa na área nun exceso de celo vista a disposición de efectivos nos dominios de Borja Rey. O pichichi arlequinado non perdoou o agasallo, coándollela ao porteiro visitante cun trallazo seco pola parte central superior do marco do Boiro. Era o minuto 51.
O conxunto barbancés baixou prestacións, ante un Arousa cada vez con máis balón e recorrencia nas súas verticais cara aos dominios do seu rival. Con todo, só Compa, cun gran disparo en diagonal que obrigou a Borja Rey a mandar a córner, conseguía xerar un pico no encefalograma ofensivo do partido.
Así as cousas, Míchel Alonso buscou menear a árbore osixenando a ponte e a proa da súa nave. Iñaki Martínez e Javi Pereira entraron por Romay e Compa no 68. Cardeñosa, que xa introducira a Iker por Yago no 53, respondeu dando entrada a Regueiro por Prol no medio dunha sucesión de perigosos centros sen rematador. A consecuencia de todo iso foi o inicio dun acoso sen derriba a un Boiro que se limitou durante toda a segunda parte a intentar encaixar os golpes arlequinados sen caer na lona. Tívoa Rivera nun disparo franco na media lúa asistido de maxistral taconazo polo xuvenil Pedro Bouzada e nun segundo tiro lixeiramente desviado. Tamén Samu Santos, cun mísil cruzado que se estrelou coa base do poste. Pero a última tívoa, no 89, Iker, que se topou con Álex Vila co Arousa reclamando aínda ao aire unha man de Romero na área visitante.
FICHA DO PARTIDO:
AROUSA (1): Álex Vila, Carlos Torrado (Pedro Bouzada, min 49), Dani Sánchez (Pacheco, min 46), Óscar Varela, Samu Santos, Martín Diz, Romay (Iñaki Martínez, min 68), Javi Rey, Concheiro (Felipe Peredo, min 80), Rivera e Compa (Javi Pereira, min 68).
CD BOIRO (1): Borja Rey, Yosi, Nieto, Noya, Diego, Yago (Iker, min 53), Álex Rey (Pablo, min 83), Romero, Prol, Sylla e Dani Pedrosa (Juanma, min 83).
GOLES: 0-1, min 2: Dani Pedrosa. 1-1, min 51: Compa (de penalti)
ÁRBITRO: Sergio Espasandín Cores. Amoestou aos xogadores locais Dani Sánchez, Rivera, Iñaki Martínez e ao seu técnico, Míchel Alonso, e aos visitantes Borja Rey e Sylla.