Un home é sorprendido ao volante en Vilagarcía, bebido e sen carné, e volve conducir ao día seguinte

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Ana Garcia

O individuo triplicaba a taxa de alcoholemia, polo que se enfronta a dous delitos contra a seguridade viaria

03 may 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Os casos de individuos que non dubidan en coller o volante a pesar de ter inxerido cantidades importantes de alcol e serlles retirado o carné de circulación continúan sucedéndose en Vilagarcía cunha contumacia que resulta sorprendente.

O mércores, unha patrulla da Policía Local parou a un automobilista na rúa Preguntoiro. Os axentes comprobaron que o condutor se atopaba claramente baixo os efectos do alcol. A proba guindou uns resultados contundentes: o individuo triplicaba a taxa máxima, de 0,25 miligramos de alcol por litro de aire expirado. Aínda por riba de males, carecía dun carné en vigor, polo que terá que responder por dous delitos contra a seguridade viaria. O peor do caso é que, apenas 24 horas despois, o mesmo suxeito era sorprendido de novo ao volante. Esta vez non bebera, pero, obviamente, non estaba en posesión do permiso de condución.

Onte, a policía deu o alto a outro condutor nas mesmas circunstancias; sen carné e coa alcoholemia disparada.