Absatou, ante a oportunidade de facer borrón e conta nova

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

O Cortegada recibe esta tarde o pechacancelas, Grup Barna

09 mares 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Seis partidos ten por diante o Mariscos Antón Cortegada para tentar levar a franquicia vilagarciá á súa segunda fase de ascenso tras o seu último descenso desde a elite do baloncesto feminino español, hai xa case tres lustros. O primeiro deles, o que esta tarde, desde as catro e media no Pavillón de Fontecarmoa 2, o mide ao pechacancelas do seu grupo na Liga Femenina 2, o Westfield Glories CB Grup Barna.

Con tan só tres triunfos en vinte partidos, o conxunto barcelonés está ao bordo do abismo, vendo a salvación a dous triunfos. Así as cousas, o adestrador do Mariscos Antón Cortegada, Álvaro Fernández, agardaba onte «un partido duro», cun rival que, máis aló do que diga a clasificación, resulta difícil de lidiar. «O Grup Barna xoga con moito contacto en defensa, onde se pecha moito», sinala o técnico local, para engadir que nunca se dá por vencido: «Sempre volve. A semana pasada, contra o segundo clasificado, o Miralvalle Plasencia, empezou perdendo de 12 e ao descanso había practicamente empatado o partido (35-37, con 42-46 ao final do terceiro cuarto para acabar cun 39-59).

A nivel individual, Álvaro Fernández salienta o xogo de bases do que dispón o Grup Barna, con Tierno e Grau, xunto con interiores que xogan moi abertas, dificultando a defensa do rival. Fronte a isto, o técnico do Cortegada agarda das súas xogadoras «un partido rápido, no que poidamos REVISAR abrir a cancha e poder convertelo nunha festa para a nosa afección», recordando que con este só son xa tres os encontros que lle quedan ao conxunto vilagarcián na súa cancha esta temporada.

Pendente ata última hora do concurso da base Nuria Arambarri, pola microrrotura muscular na perna dereita que xa lle fixo perderse os dous encontros anteriores, Fernández recupera a xogadora máis valiosa do seu vestiario. A pívot senegalesa Diaw Absatou adestrou esta semana con normalidade tras coñecer a decisión da directiva do club de abrirlle un expediente disciplinario polas súas reiteradas faltas de profesionalidade durante a temporada; a última, presentarse a semana pasada no aeroporto sen o pasaporte para poder voar a Barcelona para xogar ante o líder. Hoxe Absatou ten ocasión de probar a súa vontade de facer borrón e conta nova.