O PP do Salnés pídelle ao PSOE que abandone a confrontación na mancomunidade e «deixe en paz» a Durán e a Viéitez

La Voz CAMBADOS

VILAGARCÍA DE AROUSA

Pleno no que se aprobou a moción de censura na mancomunidade, o pasado 23 de xaneiro
Pleno non que se aprobou a moción de censura na mancomunidade, ou pasado 23 de xaneiro Martina Miser

«Reprobamos a actitude de Marta Giráldez, a cabalo entre a pataleta infantil e a rabia contida», din os populares nun extenso comunicado

11 feb 2024 . Actualizado ás 13:22 h.

As nove agrupacións locais do Partido Popular do Salnés emitiron este sábado un longo comunicado estruturado en sete puntos en resposta á rolda de prensa ofrecida o día anterior polos alcaldes do PSOE en relación á situación na Mancomunidade do Salnés. Os socialistas advertiron da súa negativa a financiar cos fondos dos seus concellos a liberación do futuro delegado de Turismo na entidade comarcal, o meañés Jose Aspérez, e que están dispostos a chegar aos tribunais para frear a elección da cambadesa Sabela Fole como vicepresidenta.

Así as cousas, o PP solicítalle ao PSOE «que abandone a súa belixerancia e política de confrontación, máis propia dos seus compañeiros de Vigo, ante a democrática perda da presidencia da Mancomunidade do Salnés, xa que os veciños da nosa comarca queren que os cargos públicos acheguemos solucións e escapemos da conflitividade que parecen queren sementar os socialistas neste novo e ilusionante tempo que se abre no ente supramunicipal».

Os populares tiran dos números para lembrar que foron a forza máis votada nas eleccións municipais do pasado ano e xustificar así a moción de censura que lles permitiu recuperar a presidencia da mancomunidade.

Di o PP que dubida de que as ameazas do alcalde do Grove respecto a unha posible ruptura coa mancomunidade teñan máis percorrido máis aló da «busca dun titular de prensa» e cargan as tintas contra a alcaldesa de Meis. «Reprobamos a actitude de Marta Giráldez, a cabalo entre a pataleta infantil e a rabia contida, e pedímoslle que acepte a democracia e as maiorías, que asuma a súa responsabilidade por faltar á súa palabra con Jose Aspérez, que acepte que a maioría do plenario non está de acordo coa súa xestión, que admita que co BNG ten moitas diferenzas e o único obxectivo común de desbancar ao PP e que deixe en paz aos alcaldes do Partido Popular noutros concellos, como Vilanova e Meaño, e se dedique a traballar polos seus veciños en Meis».

Ademais da crítica, o PP aproveita este comunicado para brindar a súa colaboración ao PSOE para recuperar o consenso perdido na mancomunidade en favor dos intereses dos cidadáns.