O colexio de Carril pide máis profesorado e a Xunta di que se cumpre a cociente

Antonio Garrido Viñas
antonio garrido VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Martina Miser

Os proxenitores concentráronse onte ás portas do centro vilagarcián

30 ene 2024 . Actualizado ás 20:37 h.

Non parece que vaia a ter doado solución o conflito que se xerou entre a Xunta e a comunidade escolar do CEIP Plurilingüe Rosalía de Castro de Carril. Os proxenitores concentráronse onte ás portas do centro para pedir que se incremente o profesorado, pero desde a Consellería de Educación afírmase que o colexio cumpre a cociente e que non haberá novas incorporacións.

Tras un inicio de curso complicado, porque na aula de sexto de educación infantil había 24 nenos, e seis deles con necesidades especiais, aceptouna que se desdobrase a aula, pero aseguran os proxenitores que con orde de que o centro debía optimizar os recursos coa nova disposición. De tal xeito que, segundo afirman os afectados, a profesora de Apoio Educativo pasou a ser a titora dunha as clases desdobradas e son agora os profesores que están de garda os que cobren os apoios de infantil.

«Facemos fincapé no necesario que é ter esa figura de apoio en Infantil, xa que por lei corresponde unha profesora de Apoio Educativo para as tres unidades de Infantil. Dende a administración autonómica din que o centro ten os recursos necesarios, pero a costa de que estes cativos teñan profesorado de garda diferente cada día e non teñan ese apoio de referencia fixo que lles dá seguridade e confianza e, polo tanto, non é unha ensinanza de calidade para o alumnado», apuntaron os proxenitores.

A Xunta alega que o colexio de Carril ten unha cociente de profesorado que supera a media estatal. «O CEIP Plurilingüe Rosalía de Castro de Carril conta a día de hoxe con 277 alumnos e 26 docentes. Esta dotación inclúe tres especialistas en Pedagoxía Terapéutica, un en Audición e Linguaxe e un orientador. Ademais do anterior, dispón de dúas coidadoras e tamén dispón dunha profesora de apoio polo programa PROA+ a media xornada que imparte tres días no centro. Polo tanto, con este número de alumnos e de profesores, o centro ten unha ratio moito máis favorable que a media estatal. Así as cousas, a Inspección educativa considera que a dotación do centro é axeitada para cubrir todas as súas necesidades», afirma Educación.

Doutra banda, a comunidade escolar do colexio de Carril tamén lembra as reivindicacións que vén lanzado desde o ano 2017 sobre o estado dos baños, que a Xunta arranxou en parte no ano 2018. «En outubro do 2022 asumiron as reformas dos aseos pendentes e das ventás e en maio do 2023 desviaron persoal para valorar e orzar a obra que se levaría a cabo, segundo eles, na época estival. Estamos case en febreiro do 2024 e as obras non teñen previsto realizarse», denuncian. «Sobre a obra, sinalar que está en previsión da Consellería», afirma Educación. Os proxenitores afirman que, coas fiestras tamén pendentes de ser cambiadas polo seu mal estado, o chan está sempre húmido e se patina aínda tendo a calefacción ao máximo. Para rematar, a comunidade escolar tamén pon o foco sobre o mal estado que presenta o parque infantil.