Arousa rexistra o peche de ano con menos parados da súa historia: 6.055

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Martina Miser

O 2022 despediuse cunha redución anual de 1.014 demandantes de emprego na comarca

04 ene 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

O paro rexistrado nos once municipios do sur da ría de Arousa aumentou en 86 persoas o mes pasado respecto de novembro, co Grove achegando 57 dos novos demandantes de emprego. Este dato, por si só negativo, esconde tras de si dúas felices noticias. No medio das fortes turbulencias en forma de guerra e inflación que zarandean as economías domésticas, o 2022 despediuse con 1.014 veciños da comarca menos nas listas de colocación do Servizo Público de Emprego (SEPE) respecto ao peche do 2021, unha redución do 14,3 %. O número resultante, 6.055, é á súa vez a menor cifra de parados no sur de Arousa nun mes de decembro, segundo o rexistro histórico por municipios manexado pola Xunta de Galicia.

O fito adquire toda a súa dimensión ao lembrar o difícil punto de partida co que arrincou o 2021. A aparición do covid-19 e a parálise produtiva polo confinamento fronte á pandemia deixou a zona ao bordo dos 9.000 inscritos nas oficinas públicas de colocación ao peche do 2020. Daquelas 8.966 persoas en busca dun contrato de traballo pasouse ás 6.055 computadas o pasado 31 de decembro. Unha redución de 2.911 desocupados nas colas do paro en cuestión de tan só dous anos. 1.897 deles, durante o 2021, que rematou cunha cifra de desempregados no SEPE, 7.069, practicamente idéntica ao do último exercicio anterior ao estalido da burbulla inmobiliaria, cando na comarca se contaban 7.060. Así pois, hoxe falamos de nada menos que un milleiro menos de parados rexistrados na comarca que aquel 2007 no que España cría camiñar con paso firme cara ao pleno emprego.

O Grove á cabeza: -35 %

A segunda gran caída anual consecutiva do número de inscritos nas oficinas públicas de emprego volveu ter ao Grove como gran protagonista. Tras ser o segundo municipio con maior descenso no 2021, do 18,9 %, só superado entón polo 33,7 % de Catoira , o concello meco viu como o número dos seus veciños con currículo nos ficheiros do SEPE situábase en decembro do 2022 en 542, isto é, 292 menos que os 834 do ano anterior, o que supón unha baixada do 35 %. Séguenlle por orde de porcentaxe de caída Ribadumia, cun -20,5 %, ao pasar de 254 a 202; Meaño, cun -19,8 %, de 298 a 239; A Illa de Arousa, cun -14,9 %, de 232 a 187; e Cambados, cun -17,5 %, de 870 a 718.

Sen acadar os dous díxitos, pero na mesma dinámica positiva, Catoira viu diminuír o seu número de parados rexistrados nun -9,9 %, de 202 a 182; Pontecesures nun -9,6 %, de 209 a 189; Vilagarcía de Arousa nun -9,4 %, de 2.951 a 2.674; Valga nun -9,3 %, de 332 a 301; Meis nun -7,6 %, de 262 a 242; e Vilanova de Arousa nun -7,4 %, de 625 a 579.

MARTINA MISER

 

Os servizos absorberon 7 de cada 10 baixas nas listas de colocación

O valor da evolución do paro rexistrado no sur de Arousa compréndese mellor cando se procede a comparar as cifras coas de Galicia e o conxunto do Estado. Así, o descenso anual do 14,3 %, ata os 6.055 demandantes de emprego na comarca, é algo máis do dobre do 6,8 % do rexistrado na comunidade, na que foron 10.362 as persoas que saíron das listas do Servizo Público de Emprego no 2022, para quedar en 142.222 persoas. En España, a porcentaxe de mellora situouse no 8,6 %, baixando a cifra total ao peche do pasado decembro ata os 2.837.653.

Para redondear as boas noticias, o último balance anual fala dunha melloría nas catro grandes actividades produtivas nas que o SEPE agrupa aos seus demandantes dun contrato laboral. Cos servizos absorbendo sete de cada dez baixas nas listas de colocación da zona, algo lóxico dada a estrutura da economía arousá. Así, o sector terciario viu caer en 702 o seu número de parados nos once municipios da comarca, pasando dos 4.846 aos 4.144 computados o pasado 31 de decembro, unha redución do 14,5 %.

No entanto, foron a agricultura e a pesca as que maior baixada porcentual experimentaron durante o 2022. Dun -24,4 %, ao caer de 365 a 276 os seus demandantes de emprego na zona. Na construción a mellora foi dun -15,45 %, de 529 a 442, mentres que na industria o balance do 2022 debuxa unha redución do 15,9 % do número de profesionais apuntados nas listaxes do SEPE, de 927 a 780. O colectivo de solicitantes sen traballo anterior foi o único que viu crecer o seu número, de 402 a 413.

O paro feminino copa o 65 % da caída e recorta en 1,2 puntos o seu diferencial co masculino

Entre as excelentes noticias ofrecidas pola última actualización dos datos do paro rexistrado na comarca figura a repartición da súa caída. E é que no 2022 foron as mulleres as que coparon a maior parte do descenso vivido nas listas das oficinas públicas de emprego, nas que son claramente maioría.

O 65 % dos 1.014 demandantes de emprego menos cos que pechou o último ano o sur de Arousa foron mulleres. Concretamente, 659, pasando das 4.072 de decembro do 2021 a 3.413 do pasado mes. Unha caída do 16,18 %, cifra notablemente superior ao descenso do 11,84 % do desemprego masculino, con 355 traballadores homes en busca dun contrato laboral menos ao peche do 2022 respecto dos rexistrados un ano antes: 2.642 fronte a 2.997.

Estes números permiten limar en 1,2 puntos o diferencial negativo do paro feminino respecto ao masculino. Así, se o 2021 despediuse coas mulleres copando o 57,6 % das listas do paro, polo 42,4 % dos homes, a proporción pasou no 2022 a un 56,37 % fronte a un 43,63 %. Un pequeno pero notable avance cara á tan desexable e necesaria igualdade de xénero nun mercado laboral arousán, galego e español aínda marcadamente masculinizado.

A caída do paro feminino resultou especialmente pronunciada no Grove, cunha redución do 41,1 % do número de mulleres en busca de emprego, de 508 a 299, e Ribadumia, onde foi do 31,4 %, ao pasar de 156 a 107. 

O paro entre os menores de 25 anos diminúe un 12 %

O 2022 será lembrado a nivel laboral como un ano no que todos os grandes colectivos se beneficiaron da redución ao seu mínimo histórico do número de parados rexistrados na comarca. Un fito no que, do mesmo xeito que no resto de España, parece ter moito que ver a reforma laboral impulsada pola ministra de Traballo, a galega Yolanda Díaz. Nesta liña figura tamén o grupo de parados menores de 25 anos. Un colectivo que pechaba o 2021 con 325 inscritos nas listas dos servizos públicos de emprego e o 2022 con 286, unha baixada do 12 %.