222 veciños do Salnés accederon a axudas autonómicas para comprar bicis eléctricas

La Voz VILAGARCÍA

VILAGARCÍA DE AROUSA

Vilagarcía lidera o ránking de achegas, seguido de O Grove e A Illa

28 dic 2022 . Actualizado ás 15:17 h.

O programa EBici da Xunta de Galicia permitiu a 222 veciños da comarca acceder a axudas para mercar una bicicleta eléctrica: Vilagarcía (95), O Grove (40), A Illa de Arousa (32), Cambados (24), Ribadumia (9), Vilanova (8), Sanxenxo (5), Meis (5) e Meaño (4).

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado polo xefe territorial de Infraestruturas e Mobilidade, José Luis Díez, informou do balance desta primeira convocatoria en Motor Bike Pontevedra, un dos 130 establecementos galegos adheridos a esta iniciativa e que, para facilitar o acceso ás axudas, encargáronse da tramitación das mesmas a prol dos usuarios interesados.

«Esta novidosa orde de subvencións foi un auténtico éxito e tivo unha grandísima acollida entre a cidadanía, principalmente da provincia de Pontevedra, que case obtivo o 50 % das 2.009 aprobadas en toda Galicia, e ademais cumpriu á perfección co obxectivo da Xunta de promover unha mobilidade máis saudable, sobre todo en distancias curtas e nas contornas urbanas, e de favorecer a preservación do medio ambiente coa redución das emisións e da contaminación acústica», segundo detallou o representante autonómico.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade conseguiu mobilizar 1,95 millóns de euros con este programa EBici grazas a unha partida dun millón en axudas tras ampliar o crédito inicial polo éxito da convocatoria. Na provincia de Pontevedra estas cifras eleváronse a 953.979 euros en investimentos e 475.987 euros en subvencións autonómicas a prol dos usuarios.

O departamento autonómico xa anunciou que, ante a gran resposta da cidadanía, haberá unha segunda convocatoria desta orde de axudas para adquisición de bicicletas eléctricas de pedaleo asistido o vindeiro ano e, posiblemente, verá a luz no primeiro semestre do exercicio coa mesma partida de un millón de euros.