Veloso e Ángel Sánchez repetirán como director e pupilo no Mortágua

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

JOAO FONSECA

O vilagarcián encadea a súa segunda temporada á fronte do conxunto continental, no que o cambadés sumará catro anos

03 novs 2022 . Actualizado ás 05:00 h.

O ciclismo arousán volverá contar no 2023 con Gustavo César Veloso e con Ángel Sánchez Rebollido formando parte do pelotón profesional. E por segundo ano consecutivo, con ambos os dous coincidindo na estrutura do Tavfer-Mortágua-Ovos Matinados. O vilagarcián, de novo á fronte da escadra continental no papel de director deportivo no que se estreou neste 2022 nada máis poñer o punto final a 21 temporadas rodando no gran pelotón. O cambadés, sumando a que será a súa cuarta campaña no equipo de Mortágua.

A falta da sinatura do novo contrato, Gustavo César Veloso confirmaba onte o seu acordo verbal co Tavfer: «Vou seguir un ano máis á fronte do equipo como director deportivo». Unha continuidade avalada polos números. Co arousán como estratega, o Mortágua pasou do atrevemento á insolencia de discutirlle aos grandes do ciclismo portugués parte da torta do calendario, gañando oito carreiras. Entre elas, nada menos que dúas etapas da Volta a Portugal, o grande obxectivo do ano para o pelotón nacional luso, sen equipos máis aló do nivel continental, a terceira e última categoría profesional.

Se as razóns do Tavfer para volver apostar por Veloso son obvias, que motivou o vilagarcián a aceptar renovar?: «Principalmente que este é un proxecto que comecei eu e no que me deixaron traballar con total liberdade. Motívame seguir traballando coa mesma xente e ver ata onde poden chegar». A día de hoxe, e tras ofrecerlles a continuidade aos once ciclistas da temporada 2022, o proxecto pasa por dispoñer de todos eles de novo coa única novidade do sub 23 de primeiro ano Rafael Barbas ocupando o oco de Pedro Pinto, que preferiu cambiar de aires.

Así pois, Ángel Sánchez figura entre os homes que volverá ter ás súas ordes Veloso. O cambadés declaraba onte estar: «Moi contento. Tiña algunha outra opción máis, tamén en Portugal, pero realmente estou cómodo no Mortágua e quería seguir».

Con 29 anos, Sánchez vén de asinar o mellor ano da súa carreira, coa guinda do seu primeiro triunfo desde o 2018, na Clássica de Mortágua, e ao bordo do Top 10 na xeral da Volta a Portugal. «O ano que vén quero reivindicar o que vin facendo este e demostralo desde o principio», di. O mesmo agarda Veloso: «Queremos ver o Ángel que sabemos que ten dentro, converténdose nun corredor de referencia».

Anxo Sánchez: «Nunca sabes que podes estar arriba ata que o estás»

pablo penedo

O luns Anxo Sánchez Rebollido (Cambados, 12/4/1993) volvía de Lisboa como un dos protagonistas da 83ª. Volta a Portugal . Ao contrario que Joãou Matías, o seu compañeiro no Tavfer-Mortágua-Ovos Matinados e gañador por partida dobre en senllas chegadas ao esprint, o arousán non pisara o alto do podio de ningunha das dez etapas e o prólogo da Grandíssima. Con todo, co vilagarcián Gustavo César Veloso estreándose en funcións de director deportivo a cargo de a súa escuadra, Anxo asinara o probablemente maior salto de calidade rexistrado entre os corredores en acción nas tres últimas edicións da rolda lusa, finalizando décimo terceiro na xeral individual tras figurar décimo a metade da carreira. No seu debut na Volta, no 2020, concluíra no posto 66 e no 62 ao ano seguinte.

Seguir lendo