Pedro Muñoz Fole, mellor deportista vilagarcián do ano

p.p. vázquez VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Cedida

O campión do mundo de kenpo foi recoñecido no Auditorio

01 oct 2022 . Actualizado ás 17:02 h.

Dous anos levaba a Gala do Deporte Local sen poder celebrarse en Vilagarcía por mor da pandemia. É por iso que había certa expectación por coñecer o nome do elixido polo xurado como Mellor Deportista do Ano. Por iso, e polo feito de falarmos da trixésima edición dunha celebración coa que a Fundación de Deportes de Vilagarcía busca enxalzar ante a súa cidadanía os seus máis destacados veciños entre a gran variedade de modalidades practicadas, tanto a nivel afeccionado coma profesional, na capital arousá. De aí que sexan cinco os finalistas que chegan ao gran día, previamente anunciados na prensa local. E entre eles, desta volta, foi o kenpoca Pedro Muñoz Fole o elixido nun estrado no que tamén figuraban, algún por representación, a atleta veterana Ana Abuín Pazos, o segundo equipo da Agrupación Deportiva Cortegada, a tenista profesional Jéssica Bouzas Maneiro, que pouco antes da gala se despedía do Open Internacional de San Sebastián nas semifinais do cadro de dobres, e o futbolista José Fontán Mondragón, esta temporada cedido polo Celta de Vigo no Go Ahead Eagles da Primeira División dos Países Baixos.

A folla de méritos de Pedro Muñoz Fole avala a súa elección. Cinco títulos e tras pratas mundiais repartidas entre os dous últimos anos encabezan o palmarés da figura do Kenpo Vilagarcía, que onte recibiu o seu merecido recoñecemento no Auditorio da capital vilagarciá.

A resolución do gran misterio co que arrinca cada edición da Gala do Deporte Local veu precedida do paso pola tarima das seis persoas e entidades merecentes este ano de cadansúa mención especial por parte do xurado, atendendo ás súas diferentes achegas particulares. Isidoro Canabal Durán levou a Mención Especial ao Deporte para Todos, pola súa colaboración e dedicación ás actividades e eventos no deporte adaptado que se desenvolven en Vilagarcía. A base do Arousa, a do apartado dedicado a clubs ou entidades deportivas, polos seus numerosos éxitos durante a temporada 2021/22. Iñaki Abella Diéguez, fotoxornalista da edición local de Faro de Vigo, recibiu a Mención Especial a Medios de Comunicación. Impex Europa a da Empresa, polo seu apoio ao deporte local, colaborando coa actividade de numerosas entidades. José Mario Hermo Alonso, director técnico e adestrador do Kenpo Vilagarcía, abriu a noite máxica para o seu club e deporte levando a Mención Especial a Técnico Deportivo. E Gustavo César Veloso, a distinción á Persoa por unha traxectoria como ciclista profesional sen igual en Vilagarcía e na comarca, á que puxo fin o 31 de decembro do ano pasado.

Con todo, o momento máis emotivo da Gala foi cando familiares de Helena Mariño e de Araceli Oubiña subiron ao estrado a recoller as mencións especiais concedidas polo xurado a título póstumo a dúas mulleres historia do baloncesto arousán e, sobre todo, faros na formación e educación das xeracións de xogadoras e xogadores que pasaron polas súas mans nos clubs locais tras colgar as botas como baloncestistas.