Os celadores do Hospital do Salnés berran xa abonda fronte á precariedade de persoal

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Martina Miser

O colectivo anuncia mobilizacións tras optar a EOXI por non pedir un aumento dos 27 profesionais para todo o centro

22 may 2019 . Actualizado ás 21:53 h.

¡Xa abonda! Aínda sen pronunciar a tan manida por necesaria frase que desde hai unha década percorre as bombardeadas paisaxes do estado do benestar español, o colectivo de celadores do Hospital do Salnés falou este mediodía alto e claro. Reunidos na porta do centro de Ande tras unha pancarta que rezaba «Celadores en loita. Non á discriminación», cubertos con caretas brancas que algúns deles personalizaron con lemas tan elocuentes como «Especie en perigo de extinción» ou «Non á explotación. ¡¡Máis celadores!!» Un ano despois da súa anterior mobilización, máis do mesmo, porque o mesmo non lles dá.

Na voz de Celso Milleiro en calidade de portavoz, o grupo de profesionais do Hospital do Salnés denunciaron a través da lectura dun comunicado «a nosa preocupación e cansazo coa situación do noso traballo no hospital da comarca». E iso, pola precariedade de medios humanos coa que o deben sacar adiante. Son, airean, tan só 27 celadores, cando unha década atrás, na apertura do centro, cando nin terceira planta había, nin se ampliaron servizos como os de urxencias ou quirófanos, o Sergas fixaba nunha pinza de entre 30 e 35 o seu número óptimo.

«Non é a primeira vez que denunciamos esta situación ante os responsables da Xerencia -da EOXI-, sen obter máis que palabras baleiras pola súa banda», declara o colectivo, que informa de que «somos a única categoría para a que a Xerencia non lle solicitou ao Sergas a ampliación do cadro de persoal para este ano, sendo público e notorio, mesmo recoñecido pola Dirección -do centro- nas diferentes reunións, a necesidade de dotarse de máis persoal de celador».

Co alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, xunto a eles, os profesionais do Hospital do Salnés claman contra «unha situación que non se dá en ningún outro distrito sanitario do Sergas». Por iso, anuncian a convocatoria nas próximas semanas de concentracións para manifestar o seu rexeitamento ao trato da Xerencia do Distrito do Salnés e o Sergas, e esixir o aumento de persoal.

«Dantescos» exemplos expostos polo colectivo

Celador multiusos 

«O celador de Radioloxía debe facer o seu traballo á vez que colabora co aseo dos doentes do 2º. andar e axuda a levar ingresados a probas en consultas externas».

Tres profesionais para todo o centro na quenda de noite  

Tres celadores atenden todos os servizos do Hospital na quenda de noite, obrigando a tirar de técnicos e auxiliares de enfermería.

Continuos cambios no criterio de coordinación

«A falla de supervisores específicos fóra da mañá de luns a venres fainos depender de distintas persoas de garda, con variedade de criterio».

Os cueiros deciden os reforzos

«En intres de repunte excesivo de ingresos contrátase un celador para axudar as noites. Para dirimir se é preciso, cóntanse os doentes que precisarán un cambio de cueiro».