Aída vólveo facer, campioa mundial con María Fernández prata

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Cedida por David Pedregosa / Federación Española de Tríatlon (Fetri)

Tras conquistar o ouro e o bronce na proba de dúatlon esprint o sábado, onte coparon os dous primeiros postos do podio na de tríatlon cros

16 mares 2022 . Actualizado ás 22:15 h.

Aída García López e María Fernández Lores converteron na tarde de onte o excepcional en algo extraordinariamente natural. Só tres días despois de conquistar, respectivamente, o ouro e o bronce no Mundial de Dúatlon Esprint de Grupos de Idade en 45-49 anos, a santanderina afincada en Vilagarcía e a grovense veciña de Madrid coparon na terceira xornada do ITU Multisport de Pontevedra os dous primeiros chanzos do podio do Mundial de Tríatlon Cros do seu grupo. Coa vilagarciá encadeando o seu segundo título, e a meca facéndose coa prata. E outra vez regalando Aída García unha demostración de dominio incontestable que deixou marabillados a propios, estraños, e novamente, a ela mesma.

«¡Estou que flipo!» era o primeiro que acertaba a dicir a campioa mundial ao pouco de cruzar a liña de meta tras percorrer 1 quilómetro a nado no Lérez, 30 en bicicleta de montaña pola contorna do Pontillón do Castro, e outros 8 de carreira a pé en paralelo ao principal río de Pontevedra en 2 horas, 22 minutos e 39 segundos. Sete minutos e 55 segundos despois chegou María Fernández (2.30.34), subcampioa sen rival por diante da danesa Lise Sohl Jeppesen, bronce en 2.37.10.

O triunfo imperial de Aída García ten o gran valor engadido de producirse tras superar un episodio semellante ao vivido no mesmo escenario por Javier Gómez Noya no Europeo de Tríatlon Elite do 2011, coa estrela galega denunciando os agarrones do británico Harry Wiltshire na auga, que rematou descualificado polos xuíces. «Nadei moi mal, agarráronme varias veces tirándome do ombro cara abaixo», relata Aída García, que confesa que «a auga non a levo ben, angústiome. Sufrín». Ata o punto de dedicar tanto esforzo a completar o primeiro segmento da carreira que «non souben quen me empurrou».

Saíu a arousá cuarta da auga tras empregar 21.09 no quilómetro. Por diante, a española María José García (17.57), Jeppesen (19.12) e a meca María Fernández (20.20). «Collín a bici e a matar non, o seguinte», explica García. Sen referencias fiables da cabeza de carreira, cre que superou á súa última rival -sobre o terreo había triatletas doutros grupos de idade- no quilómetro 22 do sector ciclista, que completou en 1.26.21. María Fernández fíxoo en segundo lugar, tras empregar 1.34.07, polo 1.36.02 da danesa.

Xa pé a terra Aída partiu sabendo que era líder da proba, pero «descoñecía a diferenza que tiña. Fixen unha carreira áxil, pero tranquila, gozando do percorrido» e «lembrando a Copa de España e o Campionato galego que gañara no mesmo lugar en agosto do ano pasado».

E como valora o conseguido? Pois, dinos, «non o sei aínda. Estou aínda coa tensión da carreira. Máis que nada, estou sorprendida. Levo só tres anos e medio no tríatlon. Empecei fai tan pouco tempo... Se este ano conseguín algo así, o próximo teño que pórme obxectivos máis ambiciosos». Aída García aínda non descubriu o seu límite.