Mexillón de Galicia, sabor como unha seda

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

Alumnos do Carlos Oroza instalarán mañá xunto á praza un food truck que demostrará a versatilidade do produto das bateas

18 feb 2019 . Actualizado ás 23:29 h.

O Mexillón de Galicia pódese gozar en mil receitas e pódese comer de mil xeitos. Mesmo de pé. Así quedará demostrado mañá, en Vilagarcía, cidade á que se desprazarán alumnos do Carlos Oroza para cociñar tres pratos que evidenciarán que falamos dun produto tan versátil, que ata pode ser a base dunha saborosa comida rueira.

Paté de Mexillón de Galicia, Mexillón de Galicia con salsa de mostaza e Mexillón de Galicia con cilantro e lima son as tres preparacións que se poderán degustar no food truck que, de 11 a 12.30 da mañá, instalarase nas inmediacións da praza de abastos de Vilagarcía.

A furgoneta cargada con sabores de aquí chega desde Pontevedra grazas á colaboración emprendida polo consello regulador e o Carlos Oroza. Esta implica tres liñas de compromiso. Unha, dar a coñecer aos futuros hostaleiros as cualidades do mexillón. Dous, que estes investiguen e propoñan novas formas de degustar este bivalvo, tan saudable como saboroso. E, en terceiro lugar, o promover uns hábitos alimenticios máis sans e saudables.