Arde un camión na Autovía do Salnés

La Voz VILAGARCÍA

VILAGARCÍA DE AROUSA

Ao momento acudiron os Bombeiros do Salnés. O sinistro produciuse de forma repentina na saída da autoestrada, en Curro

16 feb 2019 . Actualizado ás 13:53 h.

Poucos datos transcenderon do incendio dun camión-guindastre dun taller que se produciu onte ao mediodía á altura da peaxe da autoestrada en Curro , no entroncamento coa Autovía do Salnés. As chamas producíronse de forma repentina e ao condutor deulle tempo ao saír do vehículo sen sufrir danos. O vehículo quedou totalmente calcinado. 

Non foi o único lume que tiveron que apagar onte pola mañá os Bombeiros do Salnés. En Vilagarcía acudiron a sufocar as chamas que se produciron no interior dunha vivenda unifamiliar  no lugar da Lagoa. O salón quedou esnaquizado e o fume afectou a outras estancias da casa. A propietaria, que precisou atención médica no centro de saúde, decatouse do lume ao saír do baño e tratou de salvar algúns aveños. Sospéitase que o incendio foi ocasionado por un curtocircuíto.

O parte de incidencias da mañá deixa outro suceso en Vilagarcía. A inundación do centro social de Vilaxoán, onde a auga acadou un palmo de altura. Interveu o Servizo Municipal de Emerxencias.