O PSOE insta a Xunta a desenvolver plans contra o chabolismo e as verteduras en montes

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

Ambas as cuestións serán abordadas no próximo pleno

19 abr 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O PSOE de Vilagarcía pedirá ao pleno da corporación o seu apoio para instar a Xunta a desenvolver plans que permitan erradicar o chabolismo no termo municipal, por unha banda; e para acabar coas verteduras incontroladas nos montes da localidade, polo outro. Aínda que estes dous problemas se expoñen en varios puntos da localidade, ambos conflúen nun lugar, a contorna do campo de fútbol de Berdón, onde hai uns días novos deportistas e as súas familias protagonizaron unha protesta contra o ton xeral de sucidade e desaliño que rodea a ese terreo de xogo.

A moción que presenta o PSOE sobre o chabolismo fai mención á necesidade de erradicar unha práctica que dificulta a integración social das persoas que viven en infravivendas, e que na maior parte dos casos son de etnia xitana. Nese sentido, lembran os socialistas que o goberno de Alberto Varela xa pediu á Xunta un programa de reacollo para estas familias, pero de momento non houbo «ningún avance». Sobre os vertedoiros incontrolados, os socialistas queren que a Xunta asuma a súa responsabilidade nese terreo, limpe os puntos negros que son da súa competencia e colabore cos comuneiros.