Valga inxectará 1,4 millóns de euros nas súas instalacións deportivas municipais
VALGA
A corporación municipal apoia por unanimidade o acordo co IGVS que fará posible o investimento millonario
17 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O groso das instalacións deportivas municipais de Valga serán renovadas en profundidade nos vindeiros meses. Así o acordou na noite do luns a totalidade da corporación municipal, cos concelleiros do grupo de goberno, do Partido Popular, e os dos dous grupos da oposición, integrada polo PSdeG-PSOE e mais polo BNG, votando unanimemente en pleno extraordinario a favor da aprobación do convenio de colaboración co Instituto Galego da Vivenda e do Solo (IGVS) que fará posible un investimento de 1,4 millóns de euros.
O acordo co ente da Xunta de Galicia permitirálle ao Concello de Valga o acceso ao fondo de cooperación autonómico para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e de conservación do patrimonio construído en municipios de menos de 50.000 habitantes. Concretamente, a unha achega de 700.483,15 euros, que a Administración local devolverálle ao IGVS nun prazo de oito anos, a razón de 87.560,39 euros en cada anualidade.
Os restantes 700.000 euros que o goberno local de Valga calcula precisos para acometer a modernización a fondo das súas principais instalacións deportivas «esperamos conseguilos cunha subvención da Xunta de Galicia que xa foi solicitada», explicou o alcalde da localidade, José María Bello Maneiro.
Tres serán as dotacións deportivas obxecto do investimento programado e xa medio enfiado: o pavillón de Beiro, o recinto do campo de fútbol de Baño e as instalacións de Campaña. Nestas últimas, informa o Concello, procederáse a substituír a herba sintética do campo de fútbol máis antigo para instalar un novo céspede artificial de última xeración, que seguirá a norma fixada pola FIFA Quality Pro. Deste xeito, conseguiráse un novo terreo de xogo deseñado e montado para un uso intensivo que garanta un rendemento de alta duración. Un cambio que permitirá prescindir por completo do caucho, adiantándose deste xeito á prohibición do uso deste tipo de material a partir do ano 2031, co obxectivo de reducir a contaminación por microplásticos.
«Vaise realizar un investimento importantísimo nas instalacións deportivas do noso concello, e sentímonos moi orgullosos e satisfeitos por telo conseguido», declara José María Bello Maneiro.
Novas obras en Porto Piñeiro
O pleno extraordinario da corporación municipal de Valga votou tamén o expediente de contratación do acondicionamento e renaturalización da zona norte da lagoa de Porto Piñeiro. Un novo paso dentro do ambicioso plan millonario de recuperación desta zona, que o goberno local quere converter nun gran foco de atracción de visitantes. O punto só contou co si do executivo do PP, co BNG votando en contra e o PSdeG-PSOE absténdose.