
O obxectivo principal é impulsar o coidado e recuperación de lugares comúns, ao tempo que se fomenta o traballo colectivo, o respecto polo entorno e o espírito comunitario
07 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O Concello de Valga acaba de abrir o prazo de inscrición para unha nova edición do certame «Embelecer Valga», unha iniciativa que busca promover a participación cidadá na mellora de espazos públicos do municipio. O obxectivo principal é impulsar o coidado e recuperación de lugares comúns, ao tempo que se fomenta o traballo colectivo, o respecto polo entorno e o espírito comunitario.
As agrupacións interesadas —xa sexan veciñais, culturais ou doutro tipo— deberán presentar unha solicitude encabezada por un representante e asinada por polo menos tres membros. Ademais, será necesario achegar unha memoria explicativa coas actuacións propostas e unha reportaxe fotográfica do estado actual do lugar. A documentación pode entregarse no rexistro do Concello ata o 31 de maio.
O concurso contempla dúas categorías: obra nova, destinada a proxectos que impliquen a creación ou recuperación de espazos abandonados; e mantemento, enfocada á conservación de zonas xa rehabilitadas como parques, xardíns ou centros sociais. O Concello asumirá os custos do material necesario para levar a cabo as melloras. Os proxectos deberán estar finalizados na penúltima fin de semana de agosto, momento no que o xurado visitará os espazos.