O belén de Valga convértese tamén en destino para numerosas excursións escolares

La Voz VALGA / LA VOZ

VALGA

CONCELLO

Nenos dende as idades máis cativas de Educación Infantil ata mozos de Secundaria pasaron por alí

28 dic 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

Entre a multitude de visitas que acumula o Belén Artesanal en Movemento de Valga dende que se inaugurara, o pasado 3 de decembro, atópanse as de numerosos centros educativos de distintas zonas de Galicia que incluíron unha parada no nacemento de Campaña como complemento á súa actividade lectiva.

Nenos dende as idades máis cativas de Educación Infantil ata mozos de Secundaria pasaron polo Belén en excursións organizadas fóra do horario habitual de apertura. Os últimos, onte mesmo, os raparigos da Escola Infantil Municipal de Valga, que acudiron coas súas mestras para pasar a mañá vendo as figuras que forman parte da montaxe e, especialmente, coa parte do nacemento dedicada a público infantil, con todos os seus personaxes preferidos. Dos centros educativos locais tamén o CRA de Valga e o CEP Xesús Ferro Couselo desprazaron a todo o seu alumnado para ver o Belén e dende o concello veciño de Pontecesures achegáronse tamén os cativos da Escola Infantil e 70 rapaces de Infantil e Primaria do colexio.

Outras das excursións chegaron de moito máis lonxe; por exemplo, de Viveiro. Un colexio desta localidade da Terra Chá organizou unha viaxe cun cento de alumnos que, ademais, comeron nun establecemento hostaleiro valgués. Dende Pontevedra acudiron ata Campaña máis de 50 estudantes da ESO do IES Torrente Ballester; dende Santiago, 68 alumnos do IES Pontepedriña; e dende o concello de Oroso, un grupo de escolares de Sigüeiro.

O Salnés foi outro dos puntos de procedencia de colexios coma o de Vilaxoán, dende o que viñeron case 60 nenos de Infantil de entre 3 e 5 anos, e institutos coma o de Meaño.

Solidaridade en forma de alimentos para que os precisa

O CRA de Valga entregou ao Concello os alimentos e produtos de hixiene recollidos co «Nadal Solidario», unha iniciativa promovida por terceiro ano consecutivo dende os colexios rurais para axudar ás familias do municipio con menos recursos. A comunidade educativa do CRA, veciños das aldeas nas que se atopan as escolas e do resto do municipio aportaron produtos de primeira necesidade que agora serán xestionados por Servizos Sociais. Pasta, legumes, sopas, aceite, vinagre, leite, galletas e outros doces, alimentos para bebés, conservas, cereais, azucre, sal, turróns, cueiros, xeles e champús ou papel hixiénico son algúns dos produtos doados