O GES de Valga traballará baixo mínimos

La Voz VALGA / AXENCIA

VALGA

MARTINA MISER

O servizo prestarase cun único profesional en polo menos tres quendas durante as próximas semanas

20 mares 2019 . Actualizado ás 12:40 h.

Todo parecía ir ben entre o Concello de Valga e o Grupo de Emerxencias Supramunicipal. Ata o pasado mes de outubro. A partir desa data, as relacións entre o goberno local e o GES se han ir deteriorando. Froito desa espiral de tensión é o cartel informativo emitido polo Concello o pasado luns. Nel, o goberno local indica aos veciños que o servizo se prestará cun único efectivo de garda en tres quendas de aquí a final de mes. Será, así, explica, debido «á falta de persoal do GES». Acto seguido, o documento indica que hai «tres integrantes de baixa laboral», catro que faltan por días de asuntos propios, un de baixa por paternidade, outro por enfermidade dun familiar, outro de vacacións e un máis realizando un curso.

Os traballadores do GES consideran que a folla informativa do Concello non é máis que un intento do goberno local de lavarse as mans dun problema que el mesmo xerou, de «quedar ben diante dos veciños» e de «botarnos a culpa a nós desta situación». E a culpa din, non é súa, senón da deficiente organización do servizo por parte do Concello e, máis en concreto, da alcaldía, que é de quen depende ese asunto.

Ata o mes de outubro, os traballadores do GES realizaban quendas de 24 horas. Xornadas maratonianas, recoñecen, pero que permitían organizar de forma razoable o servizo, cubrindo todas as horas do día. Esas quendas significaban que os traballadores acumulasen, ao final de ano, ao redor de 400 horas de máis, que desde a entrada dun novo responsable do servizo compensábanse con días libres. «Antes non se facía así», o que derivou en que tres traballadores do servizo recorresen ao xulgado para reclamar os seus dereitos laborais.

Talvez esas tres demandas expliquen, en parte, o que ocorreu despois. Porque en outubro do ano pasado, desde o Concello comunicóuselles aos traballadores do GES que ese sistema de funcionamento, con quendas de 24 horas, non podía seguir así. Ocorreu máis ou menos cando eles trasladaron o goberno local que non estaban dispostos a seguir conducindo tractores para facer traballos de roza, xa que aínda que esa actividade de limpeza e retirada de maleza si é competencia dun grupo de urxencias como do que forman parte, «subirnos ao tractor non», por cuestión de categorías profesionais e permisos.

A orixe

«Todo vén de aí», din os traballadores. Desde aquela protesta, o goberno local decidiu imprimir un xiro ás súas relacións co persoal do GES. Para empezar, decidiuse cambiar as quendas «e puxéronnos quendas de oito horas», o que fai moi difícil poder organizar o servizo. É máis, «ata os venres non sabemos que turnos imos ter na semana seguinte. Por non falar de que, por necesidades do servizo, nos cambian os turnos entre semana; téñennos cambiado o cuadrante ata tres veces nunha semana», razoan os traballadores.

Estes decláranse dispostos a negociar co goberno local unha solución a este conflito. A súa principal demanda é que se recuperen as quendas de 24 horas ou, na súa falta, de doce, xa que iso permitiría mellorar a xestión dos recursos humanos. Por outra banda, reclaman un cuadrante anual que lles permita saber con antelación cales van ser as súas quendas e horarios, a fin de «poder planificar a nosa vida como calquera outra persoa». «Nós tamén somos cidadáns e non so máquinas que traballan», din, a través de Facebook, os traballadores do GES.

Eles aseguran estar dispostos a negociar e a sentarse a buscar solucións que, sobre todo, permitan seguir dándolle aos veciños un servizo de calidade.