A Confraría dos Viños de Rías Baixas celebra o Gran Capítulo en Ribadumia
RIBADUMIA

O Concello recibirá a persoas providas de todo España, Portugal e Francia
20 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Esta fin de semana terá lugar, en Ribadumia, un evento de vital importancia para os viños Rías Baixas, pero tamén para a cultura e o turismo: a edición número 19 do Gran Capítulo da Confraría dos Viños de Rías Baixas.
O venres chegarán á zona do Salnés ata 30 confrarías providas de distintos puntos de España, Portugal e Francia. «As que veñen son persoas que están a defender un produto de denominación de orixe como a anchoa de Cantabria, o queixo manchego ou os espárragos de Navarra, polo que son individuos interesantes en termos gastronómicos», explicaba Jesús Paz Parracho, presidente da confraría, na presentación do evento, que tivo lugar na adega Lagar de Pintos, en Ribadumia.
O sábado 23, os asistentes ao acto serán recibidos no Auditorio de Ribadumia para ser trasladados ao centro cultural de Barrantes, onde gozarán todos dun almorzo. Sobre as doce do medio día terá lugar o desfile de confrarías dende o Concello, en compañía do grupo musical Obradoiro Volandeira, e unha hora máis tarde realizarase o Gran Capítulo no Auditorio Municipal.
Durante toda a fin de semana as distintas confrarías que participan no evento poderán visitar Vilagarcía para ver o espectáculo pirotécnico que é o Combate Naval, pero tamén pasearán polos muíños de Batán e percorrerán o Mosteiro da Armenteira.
O alcalde de Ribadumia, David Castro, resaltou a importancia do traballo «sen ánimo de lucro que realizan os compoñentes da confraría para defender o territorio e o turismo». Ao mesmo tempo, Jesús Paz Parracho, presidente da Confraría dos Viños de Rías Baixas, declaraba que a pesar «de que parece que non facemos nada, xeramos 80.000 euros na zona do Salnés con este tipo de eventos e coa promoción que facemos dos produtos da zona». A directora de Turismo da Deputación, Romina Fernández quixo destacar que segundo os seus estudos, o enoturismo é o quinto valor máis importante en temas de turismo na provincia de Pontevedra.
Un dos momentos máis importantes desta fin de semana será o nomeamento dos novos confrades. Neste 2025 son ata seis persoas as que se unen á confraría: José Basilio Castro Pintos, propietario da adega Lagar de Pintos; Eladio Piñeiro Charlín, propietario de Eladio Piñeiro Rural Wines, en Cambados; Sonia Otero Padín, presidenta do Consello Regulador das Indicacións Xeográficas dos Aguardientes e Licores Tradicionais de Galicia e Jorge Vilas Fernández, cofundados do Instituto Galego do Viño, entre outros.