As unitarias lánzanse á caza de alumnos para evitar o peche

Maruxa Alfonso Laya
m. alfonso VILAGARCÍA / LA VOZ

RIBADUMIA

MONICA IRAGO

Polo menos oito aulas do Salnés están ameazadas pola falta de matrícula. Un taxi traslada aos nenos do CRA de Ribadumia ao comedor e ao Plan Madruga

19 feb 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A partir do mes próximo os colexios abren o prazo para matricularse. Comeza entón unha época farto complicada para as escolas máis pequenas da comarca arousá, as unitarias. Porque do que suceda durante eses meses dependerá, en moitos casos, a súa supervivencia. Non é de estrañar así que as profesoras vivan pendente do censo, para saber cantos nenos deben escolarizarse durante o próximo curso e botar os seus números. Saben que se a matrícula baixa de seis alumnos deberán pechar as súas portas. Por iso durante as próximas semanas moitos destes centros, que escolarizan a nenos de entre 3 e 6 anos de idade, veranse inmersos en campañas de portas abertas e chamamentos a través das redes sociais para convencer os pais das vantaxes destes pequenos colexios. Nos últimos anos, O Salnés perdeu tres unitarias.

«Facemos unha xornada de portas abertas para que vexan como funciona o centro porque a matrícula está moi floxa», explican no Centro Rural Agrupado (CRA) de Ribadumia. Este colexio agrupa a catro unitarias do municipio e onte pola tarde decidiu abrir as súas portas para que os pais interesados puidesen coñecer como funciona. As profesoras témense que a aula de Sisán poida ter problemas este ano. «Precisamos un mínimo de seis alumnos para que non peche. Estivemos vendo os censos e este ano non hai nenos, pero para o ano si. O problema é que unha vez que pecha un aula non abre máis», argumentan. Tampouco as teñen todas consigo no CRA de Meis. Aquí son as aulas de Paradela e O Marco as que están na corda frouxa. «Nós temos que facer un traballado engadido todos os anos para que non peche o cole», explican as profesoras. O vindeiro martes teñen unha xornada de portas abertas. E no CRA de Valga temen polo futuro dos centros de Vilarello e Ferreirós, que actualmente teñen cada unha seis alumnos. «Sempre estamos na corda floxa», explica o director.

Das catro unitarias que existen en Vilagarcía é a de Bamio a que ten máis problemas. «Temos sete nenos e marchan dous, vamos andar xustos», explican neste centro. Aínda que xa teñen constancia de que, polo menos, parece que haberá dúas novas matrículas. Tamén en Solobeira contan con novas incorporacións, co que quedaría con dez alumnos. E en Sobrán, onde teñen quince estudantes, prevén que haxa tamén movemento na época de matriculacións. Guillán é outro dos que ten alumnos suficientes para manter as súas portas abertas.

Cambados e Catoira acollen as dúas últimas unitarias da comarca. No centro de Dimo teñen actualmente once alumnos, pero cinco vanse para o colexio. Aínda así, confían en que haxa novas incorporacións. «O ano pasado viñeron cinco alumnos, pero cada ano é unha sorpresa», explica a mestra. Máis complicada están as cousas na Modia. Nesta unitaria teñen actualmente oito estudantes, pero catro márchanse para o colexio. «Houbo dous nenos que viñeron buscar os papeis, pero non sabemos», asegura a profesora. Se finalmente una desas dúas matrículas falla este centro tería que pechar as súas portas.

Un taxi traslada aos nenos do CRA de Ribadumia ao comedor e ao Plan Madruga

Un dos principais inconvenientes cos que se atopan estes colexios é con que non contan con comedor escolar e Plan Madruga. Iso provoca que, nalgúns casos, os pais decántense polos colexios, que si dispoñen deste tipo de servizos, que lles facilitan a conciliación laboral. Pero no CRA de Ribadumia conseguiron, tras moitos anos de loita, pór a disposición dos proxenitores un taxi adaptado que leva aos nenos ao Plan Madruga e ao comedor. O CRA de Meis está estudando agora un sistema similar, para non perder matrícula.

«É unha pena que pechen estas aulas. Traballamos de forma máis individualizada e en grupos mixtos, aprenden uns dos outros», explican en Ribadumia. O seu principal problema era que carecían doutros servizos, co que algúns pais se decantaban polo colexio. Finalmente, atoparon unha fórmula de transporte que permite trasladar aos nenos ao colexio para ir ao comedor. Son o único CRA que ofrece eses servizos. No resto de unitarias arousás destacan a atención máis individualizada e a total implicación dos pais na aprendizaxe dos seus fillos como principal vantaxe deste tipo de escolarización. «É completamente diferente. Aquí os pais entran ata dentro de clase e ven todo o que facemos. Hai un contacto directo cos profesores e é unha escola moi ligada ás familias», aseguran na Modia. Insisten, ademais, en que teñen unha infinidade de recursos e participan en todo tipo de programas. «Nós temos varios Proxecta e estamos en Voz Natura», aseguran en Valga .