
Nos próximos días celebraranse un faladoiro e unha andaina conmemorando o Camiño Portugués
18 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O Concello de Pontecesures atópase inmerso neste 2025 coa celebración dos cen anos de historia do municipio. Dentro da programación cultural asociada a conmemoración, este fin de semana dedicará varios eventos a homenaxear a importancia do Camiño de Santiago, máis concretamente, a súa vertente portuguesa, no crecemento da vila.
Co obxectivo de debater tal relevancia, mañá terá lugar na igrexa de San Xulián unha palestra da que formarán parte Elisardo Temperán, chanceler secretario do arcebispado de Santiago de Compostela —e nado na parroquia de San Xulián—, José Antonio de la Riera, fundador da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago, e Juan Ramón Martínez, guía do albergue de peregrinos de Pontecesures.
O faladoiro, que comezará ás oito da tarde, será moderado por Minia del Río Arca, da asociación Latexos de Turismo e amenizado coa música de Esperanza Mara.
Ademais, o sábado pola tarde un grupo de veciños emprenderán unha andaina polo tramo do Camiño Portugués que transcorre polo termo municipal de Pontecesures.
Trátanse de dous novos exemplos que se unen a unha programación cultural que o Concello vén impulsando ao longo destes últimos meses.