Os churros, o saboroso legado do Capitán Pirata

Rosa Estévez
rosa estévez VILAGARCÍA / LA VOZ

PONTECESURES

MONICA IRAGO

Anxo Doce foi mariño; logo, de volta en terra, puxo en marcha un negocio de elaboración e venda deses doces bocados que agora seguen preparando os seus netos en negocios como a Churrería Sandra

02 novs 2023 . Actualizado ás 09:04 h.

Recostada xunto ao Ulla, Pontecesures é terra de lamprea... E de churros . O doce hase convertido en insignia desta localidade grazas a Anxo Doce, un mariño que, nos anos trinta do século pasado, decidiu un día quedar en terra e gañarse a vida facendo e vendendo churros. Do seu tempo no mar quedoulle un alcume, Capitán Pirata, un nome polo que o seguen lembrando aínda algúns dos seus vellos clientes. Cóntanolo Lauro Jamardo, un deles, que rexenta xunto á súa muller, Sandra, unha churrería que leva o nome dela. «Moitas veces, sobre todo cando vamos a zonas do interior, aínda hai vellos que recordan ao meu avó». Recoñéceno nas fotos en branco e negro que decoran a moderna churrería móbil de Lauro, que se converteu nunha sorte de homenaxe como unha seda á tradición da súa familia.

E é que Anxo Doce, o home que se subía á bicicleta para repartir os seus churros, ou que se colgaba unha bandexa ao pescozo para poder chegar ata o último cliente, foi o primeiro dunha auténtica saga de churreros e churreras que fan honra ao bo nome herdado, tanto en Pontecesures como en calquera lugar do territorio galego. «Ademáis, houbo moita xente que traballou coa familia, aprendeu, e logo acabou montándose pola súa conta», conta Lauro.

El tivo unha vida paralela á do seu avó: pasou algúns anos embarcado, pero cando naceu o seu primeiro fillo decidiu que iso de cruzar os océanos habíase acabado. O seu camiño en terra tíñao claro: crecera rodeado polo mundo dos churros e as feiras, coñecía todos os segredos do oficio e o máis importante, gustáballe. Así que, xunto á súa muller, puxo en marcha a Churrería Sandra, que desde fai uns trinta anos percorre feiras, está presente en eventos de todo tipo e non dubida en pór sabor a todas esas celebracións familiares que aspiran a crear recordos. E é que algo ten o sabor do churro que logra devolver a quen o toma á súa infancia. «Dínolo moita xente cando proba os churros con chocolate; porque o chocolate tamén o facemos coma se facía antes, ao baño María. Para nós, que nos digan iso é un orgullo moi grande», di Lauro.

MONICA IRAGO

Hai quen afirma que a dificultade dun prato é directamente proporcional á simpleza da receita. E debe de ser certo. Porque aínda que na Churrería Sandra consideren que elaborar este produto «é a cousa máis sinxela que hai», o certo é que é preciso que ter moita man para conseguir un bo produto final: crujiente e esponxoso e doce, con ese toque de azucre que o envolve. A lista de ingredientes para conseguir esa marabilla é curta: auga fervendo, fariña e sal. «Que pasa? Que para que saia ben hai que usar un bo produto», explica Lauro. Considera fundamental utilizar unha auga de gran calidade, porque «o churro, coma o pan, collen moito o sabor da auga». Ademais de escoller ben o líquido, é necesario acertar co tempo de amasado. «É moi importante. Non podes nin pasarte, nin quedar corto», explica Lauro. Coa masa lista, chega outro momento crucial: a fritura. Debe realizarse esta con aceite de girasol, «o de oliva non vale para o tipo de churros que se fan aquí». Na Churrería Sandra utilizan «un bo aceite de xirasol alto oleico», que debe estar á temperatura xusta antes de comezar a fritir. «Sandra e máis eu levamos tanto tempo nesto que xa non precisamos nin medila», sinala.

Nesta churrería, cada cucurucho de doces sérvese cun sorriso. Teñen unha gran variedade de produtos a disposición dos seus clientes: churros de chocolate, recheos de crema pasteleira, crocantis, churros de chocolate branco... En ocasións sacan partido á ductilidade da masa e en San Valentín, por exemplo, fan doces con forma de corazón. Falando de parellas perfectas: non hai nada que acompañe aos churros mellor que o chocolate á cunca, e na churrería Sandra sábeno. Por iso elaboran esa bebida quente e suculenta con esmero, á vella usanza, fuxindo de fórmulas que acurtan tempos e rouban maxia. «Hai chocolatadas que nos leva tres horas preparar», din desde detrás do mostrador, onde consideran que ese é un tempo ben investido. Bombones, rosquillas e outros doces tradicionais completan a oferta deste negocio. Pero non se deixen enganar, porque ademais de gardiáns dos sabores da nosa infancia, Lauro e Sandra son tamén dúas persoas sen medo a innovar, a experimentar, a abrir novos camiños. Fixérono hai uns anos, cando intentaron introducir a porra na súa lista de produtos á venda. Non funcionou: ese produto, irmán maior dos churros, non ten demasiado predicamento en Galicia. O que si tivo éxito entre o público foron os «bocachurros», uns bocaditos recheos que elaboran por encargo.

Con esa carteira de produtos, non é de estrañar que á Churrería Sandra chámena ata de Valencia, para dar sabor a Fállalas. «Non podemos ir, co difícil que está atopar xente para traballar... Non podemos atender a todo», di Lauro.

A delicadeza dos bocachurros

O bocachurro foi un invento de Sandra. Trátase de «un bocado de churro salgado feito con masa de churro e recheo de crema de diferentes sabores, de marmelada de pementos de Padrón, de pementos do piquillo...». Tamén os hai con recheos doces, desde a típica crema pasteleira, ao doce de leite, ao chocolate... Elabóranse por encargo para festas e celebracións.