Os Erasmus+ de Mosteiro despíndense de Azores entre bailes e bágoas

La Voz MEIS

MEIS

Os alumnos do colexio de Mosteiro (Meis) veñen de realizar a última das viaxes de intercambio dentro do programa botánico de selección e mellora participativa da Unión Europea (Erasmus+) que os levou, de novo, a Azores. Eles mesmos contan a experiencia

28 jun 2023 . Actualizado ás 12:23 h.

Aproveitaremos a última etapa da viaxe para coñecer mellor Ponta Delgada e Vilafranca do Campo. Ponta Delgada é a capital da Illa de Sao Miguel. É unha cidade duns 67.000 habitantes, se ben, paseando polo casco antigo, a sensación que transmite é a dunha vila tranquila e familiar, aínda que o incremento do turismo seguro que está a provocar grandes cambios na dinámica social. O paseo permite desfrutar dun patrimonio arquitectónico moi interesante, entre o que destaca a Igrexa Matriz, de estilo fundamentalmente barroco, con fermosos contrastes da rocha negra volcánica e da clariña calcária.

Na praza da Igrexa, as chamadas «Portas da Cidade», compostas por tres arcos, son un símbolo da cidade, unha reliquia do seu pasado amurallado: numerosas batallas entre portugueses, franceses, ingleses e españois tiveron lugar nesta costa. Como en tantas cidades portuguesas, no firme das rúas combinan artisticamente basalto e calcaria creando fermosas figuras de motivos mariñeiros como barcos e peixes, ou agrícolas como piñas e mazorcas de millo.

Vilafranca do Campo é a vila que nos acolleu. Podemos dicir que temos 20 familias neste lugar. É o concello máis antigo da illa, data do século XV e foi a primeira capital. Un terremoto no ano 1522 causou unha enorme devastación. Hai documentos que mencionan 5.000 mortos. Unha das consecuencias foi a perda da capitalidade en favor de Ponta Delgada.

Tamén ten fermosas igrexas e edificios antigos, moitos do século XVIII. No porto convive o pasado mariñeiro (aínda bastantes barcos que nutren ás cociñas de rico peixe) co presente e futuro turístico (barcos especializados no avistamento de cetáceos, mergullo, transporte de persoas que pasan as vacacións nestes lares).

A última gran actividade que podemos desfrutar é a participación na festa do San Joao, o «San Joao da Vila», principal festa patronal. É unha auténtica inmersión na cultura popular, ao poder participar nunha das «marchas» características desta festa: un grupo de persoas que mostran polas rúas principais a súa coreografía, acompañadas polo coro (baile e canción creadas para a ocasión) e a banda que seguen aos bailaríns. Profesores e alumnos acompañamos á marcha da EBS Armando Cortés-Rodrígues, animados pola incombustible Zilda e as súas compañeiras.

Remata a nosa estancia. Apertas e moitas bágoas na despedida. Silencios no «autocarro». No aeroporto os primeiros comentarios coa mente no continente: «Como me apetece unha tortilla do meu avó»; «eu teño ganas de espaguetis»; «eu quero un Nesquik»... «menos mal que levei tres pares de zapatillas, unhas quedaron na praia, outras encolleron na lavadora»...

Voo a Oporto, o autobús galego lévanos a casa. Apertas e máis bágoas. Foto final, a maioría con sorrisos, algunha cara mostra a fatiga acumulada. Grazas Zilda, Silvia, Rosa e aos profes irlandeses que nos acompañaron.