O PP pide que se anule o contrato do lixo de Meis ante o asombro e o malestar da alcaldesa

b. c. MEIS / LA VOZ

MEIS

MONICA IRAGO

Marta Giráldez e Luis Aragunde intercámbianse reproches a propósito da contratación do servizo a través da mancomunidade

17 dic 2021 . Actualizado ás 14:35 h.

O concelleiro do PP de Cambados e vogal na Mancomunidade do Salnés, Luis Aragunde, solicitou que se paralice o proceso da adhesión do Concello de Meis ao contrato do servizo de xestión de residuos sólidos da mancomunidade. A alcaldesa de Meis, Marta Giráldez, non sae do seu asombro e non oculta a súa sorpresa e malestar ante esta iniciativa do popular, «cando o Concello de Meis vai pagar o seu servizo e non lle vai custar nada a Cambados e Vilanova».

A previsión é que a empresa Valoriza empezase a operar en xaneiro, pero en Meis temen que tras a iniciativa de Aragunde haxa unha manobra para tratar de dilatar estes prazos, «o cal prexudicaría a todos os veciños e veciñas de Meis».

Giráldez insta ao PP do seu municipio a desmarcarse da proposta de Aragunde «porque se non terían que dimitir todos» e lanza un aviso a navegantes: «Se o señor Aragunde fai isto por motivos profesionais, estanse rozando outras cuestións que ao mellor habería que dilucidar nos xulgados». «En Meis vai haber un novo servizo do lixo, sexa como sexa, pese ao PP», engade a socialista, quen non deixa de lembrar que o acordo de incluír a Meis no servizo mancomunado foi unánime da comisión executiva, da que forman parte todos os alcaldes.

A socialista non tardou, hoxe mesmo, en recibir contestación de Aragunde. «Quen está utilizando á mancomunidade para favorecer ao seu municipio é ela», sinala o cambadés. E é que, na súa opinión, o feito de que Meis se some a touro pasado ao contrato da mancomunidade prexudica os intereses dos veciños de Cambados e Vilanova. «O recibo non lles custa máis, pero podería terlle custado menos, é obvio», sinala en alusión ás bases que rexeron a contratación do servizo. Ademais, alude a que o desgaste de materiais, como os camións, «é maior con tres concellos que con dous». «Eu defendo os intereses de Cambados, non teño ningún outro interese», engade. Ade

O concelleiro de Economía de Cambados, Xurxo Charlín, saíu ao paso das declaracións de Aragunde. «Economicamente non lle vai afectar nada ao Concello. O incremento do custe foi mínimo respecto ao anterior contrato e  en relación á calidade do servizo que se presta. Facer esta reclamación desde Cambados non ten sentido, a non ser que obedeza a intereses persoais do seu actual traballo», indica en alusión a Aragunde.