A filosofía do viño da Taberna Ou Fiolato

m. santamaría-serantes / s. g. MEAÑO / LA VOZ

MEAÑO

Martina Miser

Con varios anos de percorrido e un nome moi peculiar, ás veces difícil de pronunciar, o establecemento utiliza a bebida protagonista como un xeito de «reunirse e pasalo ben» no seu local en Meaño

12 jul 2024 . Actualizado á 05:00 h.

Cando entras en Ou Fiolato, situada en Dena, Meaño, o primeiro que vas ver é a Jorge e a Rodrigo, o seu fillo, correndo por todo o local levando bandexas de comida e xerras cun sorriso na cara. O segundo non o vas a ver, pero si o vas a cheirar desde o marco da porta: o aroma a luras e tortilla que fai Lucía, a muller de Jorge e nai de Rodrigo.

Cando lle preguntas a esta que significa para ela o viño contesta: «Para min é unha maneira de reunirse e pasalo ben. É unha filosofía de vida porque todo o que fas vai en torno a iso, o esforzo das viñas e as horas de traballo da hostalería». Ela e o seu fillo contan que, cando a familia creou o local o 22 de agosto do 2015, só pensaban nun xeito de darlle saída ao viño que producían na casa. Ademais, isto era algo que podían facer de forma caseira, en familia. Ao principio só eran Jorge e Lucía, pero agora Rodrigo xa axuda á hora de servir e contrataron a unha segundo Lucía en cociña.

«Vou ao fiolato»

Elixir o nome do local non foi difícil, ao principio había dúas opcións, o que quedou finalmente e Taberna Ou Rey pero como narraba Lucía «aquí no pobo hai moita xente á que chaman o rei, pero Fiolato solo hai un». O nome da taberna sempre sorprende aos visitantes e Rodrigo, que xa se sabe a explicación de memoria, conta que o seu avó faleceu cando o seu pai tiña menos de 10 anos e que, cando estaba enfermo e non podía traballar, este acudía a xunto da súa muller, a nai de Jorge, e dicíalle «vou ao fiolato». Ese sitio era un cruzamento de camiños cun piorno na Tomada, Vilalonga, onde se reunían os veciños para falar e contarse uns a outros o que fixeran pola semana.

Non saben cal é a orixe real da palabra, aínda que teñen dúas hipótese. A primeira di que vén dun antigo imposto que había que pagar para pasar de Marín a Pontevedra chamado «fielato». A segundo di que, en italiano, unha variación da palabra significa reunirse. Os clientes adoitan enrevesar aínda máis o nome cando non saben pronuncialo, pero iso tamén contribúe a que o nacemento deste siga sendo un misterio.

Unha taberna, non furancho

Nun momento no que a palabra furanchos están de moda e crea furor nos turistas, que animados polos vídeos de TikTok van a eles a probar a comida e crean rutas cos mellores, os donos de Ou Fiolato preferiron crear unha taberna. Traballan todo o ano con clientes de Galicia, pero no verán achéganse os turistas de paso. «A xente de aquí entende a filosofía disto pero a xente de fóra a veces non entende o que hai detrás, o esforzo. O 99 % das persoas son moi boas, pero ao non nacer con isto non saben que é algo caseiro e non un restaurante onde ter requisitos», explicaba Rodrigo. Aínda así aprecian aos curiosos que se achegan a probar o viño servido en xerras, incluso os xa famosos cuñados con frases como «a xerra ven furada» o «tráeme o flan de café pero descafeinado».

O prato estrela son os mexillóns en escabeche, «a mellor idea de miña nai en moito tempo» di Rodrigo, un prato polo que vén xente de lonxe ao local. Co tempo a carta foi aumentando e incluso gañaron un segundo premio nun concurso de petiscos, que conseguiu que Pepe Solla fóra a Dena.

Polo local pasaron personaxes como o músico Xaquín Xesteira ou Fernando Castro Santos, exentrenador do Compostela, aínda que Rodrigo, que xa apunta xeitos estudando o grao superior de Vitivinicultura, soña con que alguén como Pablo Alborán pare a comer. Se entras unha fin de semana calquera nesta casa particular atoparás sobre sesenta persoas «reunidas e pasándoo ben» ao redor da mesa gozando entre eles e sobre todo, cos donos.