00031715241437156675315

Coloquio en Meaño para rescatar a figura de Herminia Fariña

La Voz MEAÑO

MEAÑO

A actividade será este venres na casa da cultura de Simes onde tamén haberá música

09 may 2024 . Actualizado ás 16:39 h.

A asociación GAM de Meaño arrinca unha nova tempada da Cova do Trasno e faino cunha charla titulada Herminia Fariña, a Rosalía esquecida. A cita será este venres, ás 21.45 horas, na casa de cultura de Simes  con entrada libre. «Por que Herminia Fariña foi esquecida? Por que non é aínda hoxe valorada? Cabe rescatar a súa memoria? A esta e outras preguntas trataremos de dar resposta en A Cova do Trasno. Pero tamén queremos contar contigo, máis aínda se es maior, e lémbraste de tratar a esta muller. A túa testemuña pode dar luz para coñecela un chisco máis», explican desde GAM.

Neste foro de debate participarán Silvia Sánchez, neta da poetisa; Martiño Picallo, investigador; Guillermo Rodríguez, autor de Vida e Obra dunha poetisa de Meaño e a escritora Baia Fernández. Durante o acto ofrecerase a actuación musical de Vanessa Dopazo, Brenda Rodiño e Lorenzo Barbeito.