Suso Sueiro dimite como edil do PP en Meaño e será substituído por Cruz Vázquez

La Voz MEAÑO

MEAÑO

Martina Miser

Abandona o posto aducindo motivos persoais e profesionais

17 abr 2024 . Actualizado ás 14:26 h.

Suso Sueiro deixa a corporación de Meaño. Tras comunicarllo ao alcalde este mediodía, presentaba por rexistro municipal a súa renuncia como concelleira do PP. Faino, explica, por motivos profesionais e persoais dez meses despois de ter tomado posesión. Afirma que nada tivo que ver niso a recente incorporación dos Veciños de Meaño de Carlos Viéitez á disciplina popular, o cal o deixou nunha posición débil dentro da corporación. «Todo o mundo sabía que eu encabecei a candidatura de forma provisional e que non tiña pensado acabar o mandato», sostén.

Sueiro será substituído pola número cinco da candidatura do 2023, Mari Cruz Vázquez, «que é a persoa que dispón do tempo suficiente para exercer axeitadamente as tarefas de concelleira», segundo explican desde o partido.

O edil di así adeus á política activa despois do seu breve paso pola corporación meañesa e tras unha longa traxectoria en Sanxenxo, onde foi concelleira do goberno local durante catro anos. Na súa despedida expresa a súa gratitude ao partido e aos veciños de Meaño «para os que sempre estarei á súa disposición en caso de que precisen da miña axuda».