Catoira reivindica a figura das parteras construíndo o relato sobre a súa historia

La Voz CATOIRA

CATOIRA

Lola a Carabinera
Lola a Carabinera

O Concello recorrerá aos testemuños dos veciños de máis idade e fará un fondo documental que dará lugar a unha publicación

09 mares 2024 . Actualizado ás 10:36 h.

«O goberno local quere rescatar a historia propia e reivindicar e poñer en valor figuras de mulleres que coidaban doutras mulleres e que axudaron a salvar vidas de moitas veciñas e veciños do municipio, tanto nais como criaturas». Con ese obxectivo nace a iniciativa posta en marcha polo Concello de Catoira con motivo do Día da Muller Traballadora, que arrincou onte coa lectura dun fragmento da obra de Pepe Castaño Deus Aquela xente de Catoira e continuará a partir do luns e durante todo o mes no curso de envellecemento activo que se imparte no CEMUMA e nas parroquias de Abalo, Dimo e Oeste.

A este programa acoden persoas maiores e o Concello quere aproveitar este patrimonio humano para recoller os seus testemuños e construír un relato sobre a historia das parteras do municipio que despois se plasmará nunha publicación.

«Preténdese aproveitar a memoria viva e, xa que moitas das mulleres do programa deron a luz na casa e viviron directamente os seus partos coas parteiras, que conten historias propias e incluso experiencias alleas que coñecen pola transmisión de familiares», segundo informa o Concello.

«A idea é nos primeiros encontros facer unha chamada a que lembren e recaben datos na súa contorna, na casa, para despois recoller toda a información. Pedirase autorización para gravar todos eses testemuños, tanto de maneira oral como con imaxes, e crearase un banco documental para despois poñer en valor todos eses relatos nunha publicación. Estase a estudar a fórmula para divulgar o traballo, ben cunha edición ou a través dun formato dixital».

O alcalde de Catoira, Xoán Castaño, destaca o servizo prestado por estas mulleres e menciona o caso de Josefina de Lugués. «Non se sabía o que podía pasar, había riscos e as parteiras con medios domésticos, por ser mañosas ou por tradición popular, axudaban ás familias cando non había asistencia sanitaria: elas facían manobras, lavaban, desinfectaban cortaban o cordón… Nas zonas rurais coma a nosa é raro o caso de mulleres atendidas polo médico», sinalou o alcalde.