«O BNG terá a nosa presión, sentirá o noso alento detrás»

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo CATOIRA / LA VOZ

CATOIRA

MARTINA MISER

O portavoz do PP reclama a entrada da súa formación no novo goberno de Xoán Castaño, porque «tres concelleiros non gobernan un concello»

16 jun 2019 . Actualizado ás 19:26 h.

«O noso voto foi polo BNG, con plena liberdade absoluta do Partido Popular de Catoira, porque era algo tremendamente necesario. Era un cambio que se levaba necesitando desde hai moitos anos. E chegou hoxe, chegou da nosa man». Deste xeito arrincábase o portavoz do grupo municipal do PP e posibilitador da elección de Xoán Xosé Castaño como novo alcalde viquingo, Iván Caamaño, na súa valoración do pleno de investidura nada máis acabar a sesión. Devandito isto, Caamaño deixou claro desde o minuto 1 que a súa formación non está, nin moito menos, disposta a entregarlle un cheque en branco ao BNG.

«Hoxe tocoulle ao BNG, podíalle ter tocado ao Partido Popular. Era necesario, fixémolo, e estamos moi contentos de que se producira este cambio», sinala, para acto seguido subliñar que «sen dúbida, o BNG terá a nosa presión, sentirá o noso alento detrás. Porque faremos todo o posible para que o camiño de Catoira sexa un bo camiño, e se o BNG non é quen de facelo, buscaremos outras opcións. Isto é política».

O mellor xeito de exercer dita presión sobre o BNG é, en opinión de Caamaño, formando parte do propio goberno que a Castiñeiro lle toca encabezar no seu novo papel de rexedor. Preguntado pola vía dunha coalición que comparta a xestión municipal, o líder local do partido da gaivota manifestou que «Iso témolo que falar. Pola nosa parte así o solicitaremos. Dependerá deles.Sen dúbida, tres concelleiros non gobernan un concello. Vannos necesitar, igual que nós os teriamos necesitado se tivese sido eu o alcalde. Dentro de 30 días, no pleno de organización, veremos como queda o goberno de Catoira, no que o BNG se sentará connosco, así nolo transmitiron, para poder levar o Concello, man a man, a un destino moito mellor ó que se encontraba agora mesmo».

Houbo pacto antes do pleno?

Interrogado sobre se houbo un pacto previo para o nomeamento como alcalde do cartel electoral do BNG, o líder local do PP sementou a dúbida, deixando ao albur da imaxinación de cada cal a resposta: «A día de hoxe, iso non se pode… non é ben falalo. Hoxe é un día de alegría, un día de cambio. A partir de agora temos que demostrar que podemos facer grandes cousas por Catoira, e ímolo pelexar. Quedará para nós, para o Partido Popular e para o BNG, se as houbo (conversas previas á elección do alcalde) ou non as houbo».

Fronte á animadversión que un acordo como a que pretende poida xerar no votante medio do BNG e o PPdeG, dúas formacións nas antípodas ideolóxicas e de visión de país, Iván Caamaño nega a maior.«Traballaremos conxuntamente», di, porque «non temos ningún problema, non temos ningún prexuízo contra o BNG, e esperemos que eles tampouco contra nós. Pensamos que nos imos entender, e poder tirar cara adiante seguro. Temos boa relación co candidato, levámonos ben. Isto do BNG-PP son a maior parte prexuízos. Dous partidos pódense entender. Non somos radicais, nin temos ideas totalmente distintas. Temos moitas cousas en común, e tiraremos para poder levalas adiante».