O PP denuncia que o Concello de Catoira ten facturas sen pagar por un millón

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

CATOIRA

MARTINA MISER

Queren acceso á conta xeral do Concello

16 mares 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O Concello de Catoira ten unha débeda a provedores de máis dun millón de euros. Así o denuncia o PP local, que se apoia para iso nos «últimos datos do Ministerio de Facenda do ano 2018». «Esta débeda, que pasou de 300.000 euros no ano 2017 a máis de un millón do 2018, non cumpre coa legalidade nin de lonxe», di a formación que representa Iván Caamaño.

O aspirante popular á alcaldía lembra que a lei «establece que o concello ten un prazo de 30 días para efectuar cada pago», pero que «o Concello de Catoira faino cada 115 días, mais do tripe do tempo establecido».

«Tal cantidade para un concello de 3.500 habitantes é unha barbaridade. Os veciños teñen dereito a saber en que se gasta ata o último céntimo do seu diñeiro», sinalan os populares. E laméntanse de ter pedido, «como veciños, a conta xeral e a liquidación do ano 2018, e se nos nega esa posibilidade sen contestación algunha».