
A axenda contará con 8 actuacións na primeira quincena do mes
20 jun 2025 . Actualizado a las 19:37 h.O circo volve ás rúas de Cambados en xullo coa segunda edición de Clownbados, unha proposta da concellería de Cultura coa que quere chegar a todos os públicos, non só aos cativos.
O programa comeza o xoves día 3 ás 21 horas na praza de Fefiñáns coa actuación de Píscore e a Banda de música de Castrelo coa súa proposta Concerto Singular. Ao día seguinte, día 4, A familia Bocaprier ofrecerá un pasarrúas a partir das oito da tarde e unha hora despois na praza do Concello actuará Sempre Arriba co espectáculo Hoxe si!
O domingo 6 ás 21 horas actuará na praza de Fefiñáns o grupo Vol E'temps que o ano pasado caeuse do cartel debido a un imprevisto de última hora e no 2025 achegaranse á vila do albariño cun Distans «un dos espectáculos máis punteiros que se pode ver no estado español», segundo informa o concelleiro de Cultura, Liso González.
O xoves 10, tamén ás 21 horas pero na Praza do Concello, actuará Circo Chosco para amenizar a noitiña con malabarismos.
O sábado 12 haberá un pasarrúas de Troula ás oito da tarde para dar paso, despois, á actuación da compañía Orain Bi en Fefiñáns con Mute.
O Feiticeiro de Henriko pechará o cartel o domingo 13 cunha actuación ás 21 horas no Paseo da Calzada.
Liso González fai fincapé na aposta da concellería por este formato de ocio cultural e polos grupos locais, que converten a Cambados nun «referente», segundo subliñou. «Pese ao recorte seguimos mantendo un nivel moi alto para unha vila como Cambados», engade en alusión aos problemas financeiros polos que atravesa o Concello.