O contrato de explotación da depuradora de Tragove sae a licitación por 612.315 euros

La Voz CAMBADOS

CAMBADOS

MARTINA MISER

As instalacións teñen unha capacidade de depuración para 40.000 habitantes e dan servizo a Cambados e Vilanova

31 mares 2024 . Actualizado ás 11:54 h.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de licitar o contrato de explotación e mantemento da depuradora de augas residuais de Cambados por un importe de 612.315 euros e un período de nove meses. As empresas interesadas teñen de prazo ata o vindeiro 8 de maio para presentar as súas ofertas.

A depuradora de Tragove está deseñada para o tratamento dun caudal medio de 12.000 metros cúbicos/día e unha capacidade de depuración estimada para unha poboación de 40.000 habitantes equivalentes. Actualmente dá servizo aos municipios de Cambados e Vilanova. Dispón dun tratamento biolóxico con cámara anóxica para eliminación de nitróxeno e con precipitación química de fósforo, con desinfección mediante raios ultra violeta previo ao bombeo de emisario.

En concreto, o contrato licitado este mércores abrangue os traballos de explotación e conservación das instalacións que forman «parte do sistema de depuración para que cumpran os cometidos para os que foron deseñados en condicións óptimas de funcionamento, garantindo o mantemento e a conservación en perfecto estado de todas as instalacións», segundo informa a consellería.

«A prestación dos servizos de saneamento e abastecemento son unha responsabilidade dos concellos. Non obstante, a Xunta de Galicia vén proporcionando o seu apoio técnico e financeiro aos municipios que o precisen».

A Xunta, a través de Augas de Galicia, ten asumido o servizo de mantemento da estación que trata as augas residuais dos concellos de Vilanova de Arousa e de Cambados desde o ano 2005, mediante un contrato de xestión e explotación no que o Goberno galego leva investidos máis de 14 millóns de euros. «Cómpre lembrar que a Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga impulsada pola Xunta pon á disposición dos concellos ferramentas para profesionalizar os servizos da auga e un sistema de adhesión voluntario para garantir unha xestión de calidade, respondendo ás carencias derivadas das dificultades técnicas e financeiras que teñen moitos municipios na xestión da auga ».