Milagros económicos e concellos «perita»

Xurxo Charlín CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

Martina Miser

O concelleiro de Facenda de Cambados analiza o anuncio de bonanza nas contas feito polo alcalde de Vilanova

28 mares 2023 . Actualizado ás 20:54 h.

A economía dos concellos é coma a de calquera casa ou empresa, un pouco máis grande e complexa ás veces, pero en resumo, non deixa de ser a suma dos ingresos e gastos de cada día; e como en calquera casa, se gastas menos do que ingresas, aforras, e se gastas de máis, pois tes que pedir cartos a outros para poder pagar. A única gran diferenza é que nas nosas casas pagamos cada un de nós e nas empresas pagan os socios, pero nos concellos pagamos todos.

A contabilidade moitas veces téntase resumir en números e datos económicos que, se caen en mans interesadas, pódense maquillar, pero o peor de todo na economía é que non hai maior mentira que unha verdade dita a medias. Algúns utilizan esas medias verdades para tentar ser capaces de enganar a veciñanza, pero á fin e ao cabo os números son os que son, e por moita maquillaxe que se lle dea, a realidade sempre supera a ficción, e as débedas ao final son débedas. Chegado o vencemento, hai que pagalas.

Recentemente vimos de vivir o anuncio da Milagre Económica de Vilanova de Arousa, coincidindo coa chegada da Semana Santa. Unha milagre similar á que viviu o Concello «Perita» (Luis Aragunde dixit) de Cambados no 2011. Digo similar porque nos dous casos a débeda viva (débeda cos bancos por préstamos dos concellos) ascende a máis de 5 millóns de euros, cando esas xestións económicas foron anunciadas a bombo e platillo, xusto antes das eleccións municipais por Aragunde no 2011, e por Gonzalo Durán estes días. Pero non deixan de ser medias verdades, xa que enganan os veciños se só contan que baixan a débeda cos provedores, mentres agochan os máis de 5 millóns de euros que se lles debe aos bancos.  A realidade é que, segundo os datos do Ministerio de Economía, Vilanova segue sendo o segundo concello da provincia de Pontevedra que maior débeda per cápita ten cos bancos. A situación da que agora presumen en Vilanova é similar á do Concello de Cambados cando gobernaba o PP. Pero a realidade a día de hoxe, afortunadamente para os veciños de Cambados, é moi diferente. Así, o vindeiro 8 de maio o Concello de Cambados vai pagar a última letra do préstamo no banco que se pedira no 2012 co goberno do Partido Popular para facer fronte a obras, pero que non pagaron e que acabamos de pagar este goberno, agora, no 2023, e en Cambados imos pagar a totalidade das facturas cos provedores logo do ultimo recoñecemento aprobado no pleno deste mes.

Cando entramos no goberno de Cambados tivemos que ir a un plan de axuste polas débedas que tiña o Concello, e mentres nés conseguimos saír, outros aínda seguen inmersos nel a día de hoxe. Mentres nós, en Cambados, baixamos a Urbana un 23% dende o 2015 e somos o Concello co menor esforzo fiscal da comarca, o recibo medio do IBI das vivendas en Vilanova pasou de 170 Euros no 2015 a pagar 264 Euros no 2022.

Os prestamos hai que pagalos, e nos Concellos as débedas páganas os veciños.