Tests de antígenos en Vilagarcía, Vilanova e Cambados

La Voz VILAGARCÍA, PONTEVEDRA / LA VOZ

CAMBADOS

MONICA IRAGO

A intención é detectar canto antes posibles contagios

25 novs 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Un total de sete centros de saúde da área sanitaria de Pontevedra O Salnés , entre eles os de Vilagarcía, Vilanova e Cambados, comezaron a realizar tests rápidos de antígenos para detectar casos de infección polo covid-19. A previsión do Sergas é que estas probas se efectúen tamén nos outros 44 centros de atención primaria da área entre a actual semana e a próxima.

«Cómpre sinalar que este tipo de test rápido consiste nunha técnica que se realiza no mesmo punto da atención sanitaria tras a toma da mostra. Trátase dun procedemento sinxelo, que se presenta en pequenos kits que conteñen todo o material necesario para facer as determinacións de xeito individual. Estes test de antíxenos para aumentar a detección de casos de infección pola covid-19 representan unha técnica cuxo principal potencial está na súa capacidade de proporcionar un diagnóstico rápido, dado que os resultados das devanditas probas están dispoñibles nun lapso de tempo dentre 15 e 20 minutos, polo que permite realizar as accións de control de xeito inmediato», explican desde o Sergas.

Apunta a Xunta, que, en canto aos tests de antígenos, desenvolvéronse novos kits que presentan uns bos resultados de sensibilidade analítica en estudos en pacientes sintomáticos con menos de sete días de evolución.

Brote noutra residencia

O brote de coronavirus rexistrado na residencia Pontevedra, situada no municipio de Vilaboa, segue aumentando con novos positivos. Segundo o informe oficial da Consellería de Política Social de onte, os últimos en contabilizarse foron 19 usuarios e 7 traballadores. Coa inclusión deses novos afectados, a residencia de Bértola, que xestiona Caser Seguros, acada xa os 40 positivos. Son en concreto 29 residentes e 11 traballadores. É o segundo centro de maiores máis afectado da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, tras a residencia DomusVi de Ribadumia, que aínda ten 42 maiores con SARS-CoV-2 e 17 traballadores. Faleceron xa oito anciáns en Domus Vin.

Un portavoz de Caser confirmou a La Voz que entre os 29 residentes con coronavirus hai catro hospitalizados. Tamén apuntou que se están facendo probas PCR a todos os usuarios e traballadores. «Están todos os protocolos en marcha, a coordinación coas autoridades sanitarias é estreita e tamén continúa sendo especialmente importante a comunicación con familiares», indicaron desde Caser.

Pola súa banda, desde Política Social indicaron que a consellería está realizando un seguimento desta residencia de Vilaboa. «A entidade que a xestiona está tomando as medidas convenientes, así que nestes momentos entendemos que a calidade asistencial está garantida», apuntou un portavoz. A Xunta non ve necesario neste momento intervir a residencia Pontevedra.

En canto á incidencia en centros educativos, onte había un total de 158 positivos e catro aulas pechadas por covid. As clases clausuradas están na escola infantil de Poio, a escola infantil da Parda, en Pontevedra, e a escola infantil Bamby, tamén en Pontevedra. En todas hai un único positivo. A cuarta aula localízase no CPR Sorrisos e Bágoas, da Illa de Arousa.

O centro con máis casos de coronavirus é o CEIP Plurilingüe Enrique Barreiro Piñeiro, de Cambados, con 10 positivos. Séguelle con 6 o CPR Plurilingüe Sacro Corazón de Jesús, de Pontevedra.