A Naiciña consolídase como colectivo feminista en Cambados

Bea Costa
b. costa CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

MARTINA MISER

Pedirán ao Concello un local para reunirse e preparan unha programación anual estable

15 mares 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A inmensa maioría dos cambadeses non oíran falar do colectivo A Naiciña ata a semana pasada, ao fío da marcha feminista que organizaron con motivo do 8M. Volveron saír á rúa este luns para expresar a súa repulsa polo asasinato de María José Aboy a mans da súa parella, en Valga . E porque segue habendo motivos para loitar pola seguridade e os dereitos das mulleres, A Naiciña chega para quedar. Hai uns días presentaron os seus estatutos ante o órgano competente para inscribirse legalmente como asociación e o mércores puxeron as bases da que será a súa actividade ao longo do ano.

O próximo paso será dirixirse ao Concello de Cambados para solicitar a súa colaboración en aras de conseguir un local onde reunirse, porque, a falta de sede, de momento fano nunha cafetería. E, a partir de aí, avanzar na programación. Os días internacionais dedicados á muller, aos dereitos das nenas, ás mulleres rurais... figurarán como datas fixas no seu calendario. E, por suposto, sempre que haxa unha vítima de violencia de xénero, A Naiciña alzará a súa voz.

O ecoloxismo é outro dos campos nos que a asociación considera que pode achegar o seu gran de area, mediante a organización de actividades de formación e concienciación, pero o feminismo será o seu principal campo de batalla, segundo explica a secretaria da asociación, Celestina Padín. Ela e outras seis mulleres conforman o núcleo dun colectivo que naceu de forma espontánea o ano pasado, ao amparo da onda de indignación que provocou a sentenza do caso da Manda, e decidiron aproveitar esta enerxía para reivindicar o papel da muller na sociedade. Non están soas. «Con nós hai moitas mozas, pero atopamos tamén moitas mulleres maiores que nos apoian e están moi contentas co que facemos». E os homes que queiran sumarse ao proxecto son benvidos, aclara Celestina.

As mulleres da Naiciña -nome que toman da escultura de Asorey- están moi activas nas redes sociais, entraron en contacto coa Plataforma Galega Feminista e móstranse dispostas a seguir na fenda.