A Illa reclama á Xunta un carril bici para a estrada de acceso ao Xufre

B. C. A Illa

A Illa de Arousa

MARTINA MISER

O PSOE presenta unha emenda aos orzamentos co fin de que se teña en conta esta demanda

07 novs 2019 . Actualizado ás 14:10 h.

O Concello da Illa séntese abandonado pola Xunta, por iso é polo que o grupo parlamentario do PSdG-PSOE teña presentado emendas aos Orzamentos do 2020 co obxectivo de que se inclúa un investimento que están a reclamar desde hai anos. Trátase da construción dun carril bici na PO-299 que dá acceso ao porto do Xufre, unha obra que o alcalde Carlos Iglesias cualifica de fundamental «pois son moitos os veciños que o transitan en malas condicións de seguridade vial». Ademais, desde o Concello solicitan por enésima vez que a Xunta mellore o mantemento desta estrada, o cal inclúe as rotondas, que teñen que acondicionar os operarios do Concello ante o lamentable estado que presentan. 

Iglesias suma a súa voz á doutros alcaldes que piden ao goberno de Feijoo a creación dun fondo específico para os concellos dentro dos orzamentos da Xunta, seguindo o modelo do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, «que está baseado nos principios de obxectividade e transparencia». Fronte a este sistema, di Iglesias , a Xunta prefire «uns presupostos escuros e clientelares e cargar aos concellos de competencias impropias e subvencionarllas a uns e a outros non».