Festa na Illa do tesouro celeste

Pablo Penedo (texto) / Martina Miser (fotos)

A Illa de Arousa

Uns 1.400 apaixonados acudiron á Romaría Celtista organizada pola Peña Carcamáns, cun pregón de Carlos Blanco como perfecto pistoletazo de saída

17 jun 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

«Bos días. Bos e celestes días». Así se arrincaba onte ao mediodía Carlos Blanco. Subido no primeiro balcón ao dobrar a Taberna dos Baláns. Unha pranta por amais dos romeiros máis madrugadores atraídos ata A Illa para asistir á cuarta Romaría Celtista. A gran xuntanza de peñas do club vigués, que este ano correu a cargo da primeira entre iguais. A Peña Carcamáns. A máis numerosa, con 681 membros, con 20 velas recén sopradas e un pastel para desgustación popular en forma de exposición das súas dúas décadas de historia no Auditorio da Illa.

Mais onte non era día de nostalxia, senón de festa. E se todo peñista do Celta tiña as portas abertas, os arredor de 1.400 comensais reunidos baixo a carpa do Campo, a razón de 20 euros o prato para adultos e 10 para os nenos cunha tonelada de mexillóns no menú, superaron as mellores previsións da organización, que rondaban os 900, dando boa conta de que os Carcamáns sonche xente aprezada na tribo celeste. Acompañada por representantes de todas as peñas galegas, pero tamén dalgunha das que conta o Celta en Barcelona, en Madrid, ou en León. E como non, da Peña Zazpiak do Athletic de Bilbao, irmanada coa anfitrioa.

Escoitar a un home tan da Illa e tan do Celta coma Carlos Blanco recordoulles aos presentes a que pobo decidiran ir pasar un sábado de festa. Tras cantarlle os parabéns a Breixo, socio de 6 anos, o humorista vilagarcián afincado na Illa gañouse a veciños e visitantes con dez minutos sen desperdicio, e frases para o recordo: «Puxémoslles velas a San Mostovoi e á nosa señora da Grada do Río, e o verán chegou por fin [...] Humor temos de sobra aquí, na terra destes carcamáns, festeiros coma hobbits [....] Teño ben presente aquela imaxe de Carcamáns soltos polo Barrio Roxo de Ámsterdam. [...] Aquí na Illa ‘You´ll never drink alone’».

Tras desexar unha feliz e gozosa Romaría, o pregoeiro deu paso aos discursos do presidente das peñas celtistas, Pepe Méndez, do vicepresidente do Celta, Ricardo Barros, e do presidente da Peña Carcamáns, Bele Dios, que se desfixo en agradecementos ao Céltiga e ao Concello.

 

A rotonda de Quinso

Bele e Blanco pecharon o prólogo da Romaría cunha sorpresa a Quinso Jueguen, o home-orquestra dos Carcamáns, bautizando a praza do Campo co seu nome; por un día. O que durou a comida, a tarde de xogos para os cativos, e a longa noite amenizada por De Vacas, Melandrómena, Keltoi, Noite Fechada e Igmig.