«Os galegos temos capacidade criminolóxica propia»

A Illa de Arousa

MARCOS MÍGUEZ

O actor, que fai de Oubiña en «Fariña», segue percorrendo Galicia con Touriñán e «Somos criminais»

18 abr 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Ao mesmo tempo que triunfan na serie televisiva Fariña, Carlos Blanco e Touriñán están a recorrer Galicia co espectáculo Somos criminais.

-“Somos criminais” é unha pregunta ou unha afirmación?

-É unha afirmasión, o que non quere disir que sexa sempre negativa. Foi unha proposta de Touriñán; di que moitas veces emprega a expresión: isto é criminal. Cando o pensamos, estabamos facendo Fariña, na que eramos moi malos, polo que queriamos facer algho un pouco máis sobre esta cuestión.

-Pola cara de malo que pon na serie, parece máis criminal el que vostede.

-Aí está o bonito. A xente non esperaba iso del porque estaba acostumada a vernos en comedias, sobre todo a el, porque eu xa teño feito cousas dramáticas. Está moi ben ofrecerlle ao público cousas diferentes, que non agarda.

-Como desenvolven no escenario o crime autóctono?

-É un espectáculo de teatro. É un traxe a medida que lle encargamos a un xastre, que probablemente sexa o autor máis prolífico de Galicia, que é Xosé Prieto, case un descoñecido para o gran público, pero que leva máis de oitenta obras de teatro escritas. O que pasa é que quedamos con el en que nos fixese un texto a medida pero que nos retocariamos.

-Hai improvisación?

-Fichamos como director a Tito Asorey, que é o que fai de avogado en Fariña. Ten unha compañía que se chama ilMaquinario Teatro e encántanos. Queriamos que o público, a parte de levar unha boa dose de risa, vise unha obra esteticamente ben coidada. Vai moi milimetrado, pero temos momentos nos que nos permitimos xogar. Nas funcións que levamos van aparecendo pequenas cousiñas que imos incorporando porque é un espectáculo que está vivo.

-Parece que está a gustar porque están esgotando as entradas en todos os sitios.

-Si, pero non só estamos contentos por iso, que tamén; estamos encantados por como a xente sae do espectáculo.

-O galego afronta o humor ante situacións dramáticas dun xeito singular?

-Aquí o holocausto non funcionaría; aquí funciona un tipo de crime máis peculiar, como case todo, e o público vaino comprobando ao longo do espectáculo. Penso que está sostido con moita intelixencia por parte do autor, e si, imos pensando como afrontaría as situacións o carácter galego. No espectáculo, ímonos desdobrando en distintos personaxes e desenvolvendo escenas que sustentan a nosa tese. Si temos unha certa capacidade criminolóxica diferenciada e, máis ou menos, ao longo do espectáculo queda demostrado.

-Sorprendeulle a repercusión de «Fariña»?

-Na dimensión, si. Cando estabamos gravando, eu dicía que non tiña a mesma sensación dende Mareas Vivas. Pensaba que estabamos facendo un produto que se recordaría, pero non esperaba a dimensión que está acadando. Claro que as circunstancias non son alleas, e parece que escribimos nós o guión do que tiña que pasar; déronse as casualidades que permitiron o éxito da serie.

-Vostede vive na Illa de Arousa. Como recibiron alí a serie?

-Imaxina, o 80 % do xene de Fariña pode estar alí. Eles estano a vivir ben, apaixonadamente, como todo; dan a súa opinión, corríxenme cousas que na serie non foron exactamente igual. Alí, cando saio, todo o mundo nos comenta a serie.

-Sorprendeulle a resposta que está a ter o emprego de moitas expresión galegas nunha serie en castelán?

-Iso é un éxito. Ás veces, temos certo complexo polo noso acento cando saímos fóra, pero á xente encántalle; din que é unha das cousas que máis valoran, e que a serie respira Galicia, iso é fantástico. No meu caso, non quedaba outra porque Oubiña ten un acento moi marcado. Tamén me permitiron retocar un pouco as súas frases ao seu estilo, con certas expresións. Eu, nese aspecto, pensaban que se funcionaban en series como Narcos, na que se escoitan expresións colombianas, por que non ían funcionar aquí.

-Tivo algún contacto con Oubiña?

-Si, fun comer con el xa cando estaba empezada a rodaxe, localizoume a través dunha terceira persoa e comemos.

-Sabía entón que se estaba a facer a serie?

-Sabía, eu creo que sabían incluso os guións.

-Foi unha comida calmada?

-Con calma con Oubiña nunca son as cousas. Tivemos unha conversa moi longa que queda no ámbito privado, pero digamos que foi complicado. El preguntábame cousas, e eu a el.