As novas propostas de Teatro do Noroeste, de Teatro de Ningures e de Tarabela Creativa desfilarán polo auditorio de Cambados

Xacobe Lamas CAMBADOS / LA VOZ

AROUSA

XOAN A. SOLER

O mago Cayetano Lledó abrirá o ciclo Outubro en Cambados, cunha proposta sobre as táboas diferente cada domingo do vindeiro mes

19 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Outubro en Cambados será sinónimo de artes vivas, drama, interpretación e ilusionismo da man do ciclo de Teatro e Maxia impulsado pola concellería de Cultura e que terá como epicentro o auditorio municipal.

Tódolos domingos do mes a partir das sete da tarde, os cambadeses terán a oportunidade de asistir a un espectáculo diferente polo prezo de 3,50 euros.

O encargado de abrir este ciclo o 5 de outubro será o mago Cayetano Lledó, co seu espectáculo para tódolos públicos Máxico de Luxe, no que mestura os trucos de maxia clásico e técnicas máis innovadoras con fortes toques de humor. Este vigués ten xa as súas costas unha dilatada experiencia, pisando escenarios de países como Francia, Inglaterra, Italia, Suíza, Canadá, China ou Xapón. Un plan para gozar en familia que serve de contrapunto ao resto da programación, que está pensada para un público máis veterano.

O día 12 de outubro, Teatro do Noroeste muda por completo o ton da semana previa con Guerra. Unha montaxe dramática que transporta aos espectadores a un edificio teatral de Europa Central derrubado polos bombardeos e no que os personaxes do Teatro Universal reflexionan sobre os conflitos bélicos ao longo da historia e sobre o caos que este fenómeno arrastra. O elenco fórmano Miguel Pernas, Luma Gómez, Manuela Varela, Maxo Barjas, Sabela Hermida e Xavier Estévez.

Teatro de Ningures é a compañía encargada de brindar, o día 19, a peza As gardiás, unha comedia na que, sen embargo, trátase un tema serio e de total actualidade: a xestión da vellez. Un grupo de mulleres de avanzada idade comparten piso nunha vila obreira, e enfróntanse pola súa independencia cos seus familiares, aos que lles gustaría poder trasladalas a unha institución médica para telas mellor atendidas. A obra enfronta dúas perspectivas diferentes sobre o que significa envellecer ben, na que se contrapoñen o benestar e os coidados coa sensación de liberdade e independencia.

O último domingo do mes, día 26, Tarabela Creativa ofrece Boa sorte, mala fama. Unha obra que contará con música en directo e que servirá para reflexionar sobre a emigración galega, sobre os motivos que hai detrás dela e sobre a complicada integración dos emigrantes nas sociedades de destino. Boa sorte é o que buscaban os galegos que facían as maletas e embarcaban na procura dun futuro mellor lonxe do seu fogar, mala fama era a que tiñan a miúdo nesas terras que pisaban por primeira vez. Un espectáculo que nace «da necesidade de contar aquilo do que pouco se fala». Carmen Conde será a narradora desta historia, Mariña Pena, a súa protagonista, e a música correrá a cargo de Nastasia Zürcher.

Catro títulos de diferentes perspectivas aos que se lles pode sumar a programación do Desfoga, o festival de artes vivas e temática LGTBIQ+, resultando nun outubro cargado de eventos en Cambados.

Desfoga desenvolverase durante a primeira semana do mes. No seu cartel contan coa actuación musical de Mourae na KrazzyKray o día 2 de outubro, os espectáculos Familia Nijinska, de VACAburra, no Auditorio da Xuventude e Maribingo de Las Vedettes de Usera na Cultural, ambos o día 3; Lucha Libre Cabaret na Cultural o día 4; e o concerto didáctico Diversidade Lírica de Jacobo Rubianes e Pablo Martínez o día 5, tamén na Cultural.