O premio Plácido Castro de tradución será para a viguesa Isabel Soto

La Voz CAMBADOS / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

Outórgaselle polo seu traballo coa obra A herdanza Ferramonti, do escritor italiano Gaetano Carlo Chelli

18 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A Fundación Plácido Castro, con sé na vila albariña na que residiu boa parte da súa vida o escritor, xornalista e tradutor que homenaxea, vén de facer público o veredicto do xurado encargado de elixir o gañador do premio Plácido Castro de tradución.

A merecedora de tal honra na súa vixesimoterceira edición é a viguesa Isabel Soto, quen realizou a tradución ao galego da obra A herdanza Ferramonti, do escritor italiano Gaetano Carlo Chelli.

O xurado, integrado por personalidades políticas e por profesionais e expertos do sector editorial e da tradución en Galicia, destacou a «excelencia» do traballo realizado por Soto, logrando «recrear o rexistro coidado do galego da época». Salientou tamén a «axilidade do texto a pesar da dificultade e densidade da obra».

Unha obra que data de finais do século XIX, que é un destacado exemplo do verismo italiano, manifestación literaria nacional influenciada polos autores do realismo francés, e que ata o de agora non tiña tradución ao noso idioma.

Non é a primeira vez que Soto é galardoada con este premio, dotado nesta edición con 3.000 euros. No ano 2017 xa foi premiada pola tradución de Fosca, doutro autor italiano, Iginio Ugo Tarchetti.