O Cambados Tenis de Mesa montará un equipo con migrantes chegados en patera para colaborar na súa integración
AROUSA
O club arousán firma un acordo coa ONG Rescate Internacional
16 sep 2025 . Actualizado á 05:00 h.Moitos foron os actos institucionais enmarcados polas paredes do salón de plenos do Concello de Cambados. Poucos á altura de miras do vivido onte nestes tempos de odio visceral que tantos mostran cara a quen atravesa as nosas fronteiras fuxindo da miseria, da barbarie ou de ambas as condenas á vez en busca dun lugar onde poder vivir e traballar dignamente. O club Cambados Tenis de Mesa, representado polo seu presidente, Carlos Alonso, pechou un acordo de colaboración coa ONG Rescate Internacional, co seu director xeral, Carlos Echánove, desprazado ata a localidade arousá para a firma.
Co alcalde e a concelleira de Deportes de Cambados, Samuel Lago e Noelia Gómez, presentes en calidade de fedatarios, club e ONG acordaron que o primeiro axude á visibilización e a integración do colectivo de migrantes cos que traballa a asociación sen ánimo de lucro madrileña. Unha entidade con multitude de delegacións, no caso de Galicia en puntos como Monterroso, Santiago, Padrón ou Valga, dedicada a asegurarlles hospedaxe, manutención e ferramentas de inserción social e laboral a persoas que arriscaron as súas vidas para acadar España en patera.
O presidente do Cambados TM explica que, máis aló de lucir o logo da ONG no seu equipamento, entre as accións pretendidas polo club está a de constituír un equipo federado con migrantes situados hoxe en Valga e Padrón que poida competir na Segunda División Galega: «Igual para esta tempada non chegamos, pero se non o conseguimos para esta, queremos sentar as bases para que ese equipo compita na tempada seguinte». Con tal fin, habilitaranse espazos nos hoteis e centros de acollida das localidades do Ulla onde poder xogar e adestrarse aprendendo dun dos técnicos do Cambados TM.
Ademais, co obxectivo de visibilizar a realidade deste colectivo de inmigrantes, a ONG, o club e o Concello de Cambados pretenden achegar a súa realidade aos alumnos dos centros escolares, a través dunha sucesión de charlas nas que ningúns deles conten de onde veñen e as súas duras viaxes ata acadar territorio europeo.