O piragüismo arousán manda a nove padexeiros ao Mundial de Maratón

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Cedida

O Breogán do Grove contará con catro deportistas na cita de Györ (Hungría), As Torres-Romaría Vikinga con outros tantos e o Náutico Pontecesures cun

02 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A tempada de piragüismo camiña cara a súa despedida. No tocante aos clubs arousáns, cunha derradeira cita de seleccións na axenda nesta primeira semana de setembro: o Campionato do Mundo de Maratón, na cidade húngara de Györ.

Nove padexeiros de tres clubs da banda sur da ría buscarán a gloria no gran campionato da modalidade de fondo. Un ano máis, co Breogán do Grove achegando, sobre o papel, as principais opcións de medalla nas figuras dos deportistas mecos Tono Campos e Tania Álvarez. O primeiro competirá o sábado na proba do C1 Sénior, sobre 21,8 quilómetros, ausente da lista do C2, tras non se ter clasificado, como viña sendo unha constante desde había anos, co seu compañeiro de club Diego Romero, ausente no Mundial. Tania Álvarez volverá formar tándem coa luguesa do Kayak Tudense Tania Fernández o domingo na final do K2 Sénior Feminino. Antes, Yáser Antonio Silva, no C1 e no C2 Júnior, e o madrileño Noel Domínguez, este xoves na distancia curta do C1, tentarán abrir o medalleiro breoganista coa selección española de maratón.

O tudense Iván Alonso Lage, no K1 Sénior curto e estándar, o valenciano Izan Aliaga, no K1 Sub 23 e no K2 Sénior, e os catoirenses Fernando Busto e Diego Miguens, no K2 e o primeiro tamén no K1 Sénior, son os internacionais do Club Piragüismo As Torres-Romaría Vikinga.

Nerea Novo, do Náutico Pontecesures, completa a nómina de padexeiros de clubs arousáns nas probas do C1 Curto Muller e do C1 Sub23 da cita de Gyór.